Inicio Galicia Díaz Mouteira visita as renovadas instalacións da piscina da Tecnópole que oferce...

Díaz Mouteira visita as renovadas instalacións da piscina da Tecnópole que oferce de balde conexión wifi e unha aplicación para o pago das entradas

0

A delegada territorial da Xunta en Ourense comprobou as obras executadas grazas a un investimento de máis de 300.000 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria


A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole que este verán reabriu a piscina situada nas súas instalacións, en horario de 12.00 a 21.00 horas. Díaz Mouteira, que estivo acompañada do xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Santiago Álvarez, comprobou as obras de reparación, acondicionamento e reestruturación executadas previo a súa reapertura.

A representante do Executivo galego indicou que as instalacións foron totalmente remodeladas e actualizadas grazas a un investimento de máis de 300.000 euros por parte da Xunta de Galicia. Neste sentido, Díaz Mouteira indicou que “grazas a esta achega económica do departamento dirixido por Francisco Conde, do que depende a Tecnópole, podemos pór a disposición de toda a sociedade ourensá unhas instalacións e servizos inmellorables que contribúen a aliviar as altas temperaturas que se rexistran en verán nesta provincia do interior de Galicia”.

Coa execución deste proxecto o sistema de depuración, os vestiarios e o propio vaso foron optimizados de xeito integral. Ademais, melloráronse as condicións para as persoas con mobilidade reducida, tanto na accesibilidade ao recinto como á zona de baño. As instalacións deportivas anexas tamén foron remodeladas, coa instalación de novas porterías, canastras etc.

Nesta temporada a Tecnópole fíxose cargo da xestión da instalación, que volveu entrar en servizo con dúas novidades tecnolóxicas: acceso gratuíto a conexión wifi para todos os bañistas e unha aplicación móbil, tamén de descarga gratuíta, que permitirá aboar a entrada á piscina e tamén os servizos asociados a ela, como o aluguer de hamacas e parasoles. Tanto esta aplicación como a automatización do control de accesos e do sistema de rega foron desenvolvidos pola empresa de Tecnópole Conexiona Telecom. Ademais, a piscina contará con servizo de bar a través dunha gastroneta con terraza.

Todos estes servizos estarán a disposición de calquera persoa, familia ou grupo. O prezo da entrada será de dous euros, coa aplicación de bonificacións en caso de comprar un bono e as instalacións conta cun aforo máximo de 500 persoas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre