Inicio Galicia Díaz Mouteira supervisa as obras de mellora do firme na estrada OU-504,...

Díaz Mouteira supervisa as obras de mellora do firme na estrada OU-504, na comarca do Ribeiro, que se enmarcan nunha actuación global por importe de preto de 620.000 euros

0

A delegada territorial da Xunta en Ourense achegouse á estrada OU-504, onde a rehabilitación do firme acometerase en varios tramos nos concellos de Beade, Leiro, Cenlle, O Carballiño e Maside


A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, achegouse ata o núcleo de Gomariz, pertencente ao municipio de Leiro, onde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar as obras de mellora de firme nas estradas que conectan Ribadavia e Cea (OU-504) e Ribadavia- Ponte Barxas (OU-801), cun orzamento de preto de 620.000 euros.

As actuacións teñen un prazo de execución de catro meses e está previsto que estean rematadas a finais deste mes. Na visita a representante do Goberno galego en Ourense estivo acompañada polo alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, e pola xefa territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Alicia López Míguez.

Díaz Mouteira explicou que a intervención contempla as actuacións necesarias para rehabilitar a capa de rodadura naqueles tramos das citadas estradas que presenten carencias, ao seu paso polos concellos de Padrenda, Beade, Leiro, Cenlle, O Carballiño e Maside.

Coa finalidade de mellorar a seguridade destas dúas vías executarase o fresado do firme existente e a súa reposición cunha mestura bituminosa en quente, ademais de repoñerse a sinalización horizontal e balizamento.

Na estrada OU-504, a rehabilitación do firme acometerase en varios tramos comprendidos entre os puntos quilométricos 3+500 e 22+500, nos concellos de Beade, Leiro, Cenlle, O Carballiño e Maside.

As obras previstas na OU-801 localízanse nas travesías urbanas dos núcleos da Agra, A Notaría e Ponte Barxas, pertencentes ao concello de Padrenda, cuxo firme se substituirá na súa totalidade.

A delegada territorial subliñou que o Goberno galego continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre