Inicio Galicia Díaz Mouteira reúnese co novo alcalde de Taboadela e bríndalle a colaboración...

Díaz Mouteira reúnese co novo alcalde de Taboadela e bríndalle a colaboración da Xunta para seguir a avanzar no progreso do municipio

0

Esta xuntanza da delegada territorial da Xunta en Ourense enmárcase nos encontros que está a manter cos rexedores da provincia logo da constitución das novas corporacións locais


A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho ao novo alcalde do concello ourensán de Taboadela, Álvaro Vila Araujo. O propósito deste encontro, como lle explicou Díaz Mouteira ao elixido alcalde deste municipio, é “coñecer aos rexedores e rexedoras que exercen o seu cargo por primeira vez na provincia, co obxectivo de saber cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”. Esta xuntanza enmárcase nunha rolda de contactos cos alcaldes da provincia que Marisol Díaz iniciou o pasado de mes xuño, logo da constitución das novas corporacións locais, co fin de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar os futuros proxectos a executar. A representante do executivo autonómico en Ourense brindoulle ao novo alcalde toda a colaboración da Administración autonómica co fin de lograr o progreso e benestar deste municipio ourensán. Así, analizaron os proxectos que este concello ten solicitados diante da Xunta para os próximos meses e o seu estado de tramitación.

Marisol Díaz lembrou que nos últimos catro anos este municipio recibiu do Goberno galego achegas por un importe de preto de 700.000 euros. Así, as diferentes consellerías da Xunta concederon ao municipio de Taboadela case 325.000 euros en materia de subvencións; 40.000 euros en convenios; e máis de 330.000 euros pertencentes a outras actuacións.

A delegada territorial subliñou que as achegas da Administración autonómica posibilitaron o reforzo de firme e mellora das beiravías na travesía de Taboadela, a mellora do alumeado público, a creación de dúas Casas Niño, mellora de estradas e camiños municipais de acceso a explotacións agrarias, así como a posta en marcha de varios obradoiros de emprego conxuntamente con outros concellos, entre outras actuacións.

Finalmente, Díaz Mouteira fixo fincapé na importancia de continuar a executar proxectos de mellora no concello e subliñou as vantaxes da colaboración entre as distintas institucións, xa que sumando esforzos se poden levar a cabo actuacións que benefician directamente aos cidadáns.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre