Inicio Galicia Díaz Mouteira mantén un encontro institucional coa alcaldesa de Xinzo de Limia...

Díaz Mouteira mantén un encontro institucional coa alcaldesa de Xinzo de Limia para analizar futuros proxectos conxuntos no concello

0

Enmárcase nas reunións que a delegada territorial da Xunta en Ourense está a manter cos alcaldes e alcaldesas da provincia logo da constitución das novas corporacións locais


A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho á alcaldesa do concello ourensán de Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández. Esta xuntanza enmárcase nunha rolda de contactos cos alcaldes da provincia que Díaz Mouteira iniciou o pasado luns co obxectivo de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar a marcha daqueles proxectos que está a desenvolver o Goberno galego neles. Ademais, no caso de Lama Fernández que accedeu por primeira vez á Alcaldía deste concello ourensán, Marisol Díaz con esta reunión quixo tamén “saber cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.

Díaz Mouteira lembrou que nos últimos catro anos este municipio recibiu do Goberno galego achegas por un importe de case seis millóns de euros. Así, as diferentes consellerías da Xunta concederon ao municipio de Xinzo de Limia case un 1,5 millóns de euros en materia de subvencións; máis de 2,8 millóns de euros en convenios; e preto de 1,7 millóns de euros pertencentes a outras actuacións.

A representante do executivo autonómico en Ourense subliñou que as achegas da Administración autonómica posibilitaron melloras nos centros educativos da vila, salientando a rehabilitación enerxética no CEIP Carlos Casares; acondicionamento dun treito da estrada OU-531, ao seu paso polo municipio, coñecido como avenida de Celanova; investimentos en centros de inclusión e emerxencia social e inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión; a creación do Museo do Entroido; a posta en marcha do albergue de peregrinos; mellora de camiños municipais e de concentración parcelaria; distintas iniciativas relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais; creación e equipamento do ximnasio da piscina climatizada; e axudas para a celebración do Entroido de Xinzo de Limia, o único de carácter internacional existente en Galicia, entre outras actuacións.

Ademais, Díaz Mouteira destacou que dende finais do pasado ano se está a facer a tramitación necesaria para a ampliación do Polígono Empresarial de Xinzo de Limia. Indicou que con esta actuación disporanse de case 120.000 m2, dos que máis dun 70% -case 86.000 m2-, serán a superficie bruta destinados ás 23 novas parcelas de uso industrial e comercial.

Marisol Díaz indicou que o Goberno galego ten o compromiso firme de acometer a ampliación deste polígono empresarial e que a previsión é iniciar os traballos de urbanización dos terreos no vindeiro ano. Esta actuación implica un investimento de máis de 3,3 millóns de euros.

Finalmente, Díaz Mouteira fixo fincapé na importancia de continuar a executar proxectos de mellora no concello, insistindo nas “vantaxes da colaboración entre as distintas institucións, xa que aunando esforzos se poden levar a cabo actuacións que benefician directamente aos cidadáns.”

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre