Inicio Galicia Díaz Mouteira mantén un encontro co alcalde do Pereiro de Aguiar para...

Díaz Mouteira mantén un encontro co alcalde do Pereiro de Aguiar para analizar os proxectos conxuntos no concello que inclúen un novo centro de saúde e o futuro parque acuático

0

Esta xuntanza da delegada territorial da Xunta en Ourense enmárcase nos encontros que está a manter desde xuño cos alcaldes e alcaldesas da provincia logo da constitución das novas corporacións locais


A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho ao alcalde do concello ourensán do Pereiro de Aguiar, Luis Menor Pérez. Esta xuntanza enmárcase nunha rolda de contactos cos alcaldes da provincia que Díaz Mouteira iniciou no mes de xuño, logo da constitución das novas corporacións locais, co obxectivo de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar a marcha daqueles proxectos que está a desenvolver o Goberno galego neles.

Marisol Díaz lembrou que nos últimos catro anos este municipio recibiu do Goberno galego achegas por un importe de máis de 4,5 millóns de euros. Así, as diferentes consellerías da Xunta concederon ao municipio do Pereiro de Aguiar case un millón de euros en materia de subvencións; máis de 1,6 millón de euros en convenios; e preto de 1,5 millóns de euros pertencentes a outras actuacións.

A representante do executivo autonómico en Ourense subliñou que as achegas da Administración autonómica posibilitaron a construción dun centro de saúde, actuacións de mellora de infraestruturas do parque empresarial, mellora do saneamento do municipio, a creación e implantación dun GES, a xestión e o mantemento do complexo deportivo e acuático de Monterrei, distintas iniciativas relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais, a mellora de estradas e outras infraestruturas, e a eliminación de puntos de vertido incontrolados, entre outras actuacións.

Marisol Díaz aproveitou esta xuntanza para reiterar o apoio total ao proxecto de parque acuático en Monterrei, pertencente ao concello do Pereiro de Aguiar. Así a delegada territorial incidiu no compromiso do Goberno galego de promover un acordo coa Deputación para potenciar unha zona acuática neste complexo deportivo. Na actualidade se están a facer os pertinentes estudos de viabilidade e prevese que antes de que remate se concrete a extensión, servizos e prazos deste proxecto.

Finalmente, a delegada territorial subliñou que a vontade da Xunta é traballar desde o diálogo e a cooperación para poder axilizar e desenvolver con éxito os asuntos municipais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre