Inicio Galicia Díaz Mouteira lembra que a vacina é a mellor forma de protexerse...

Díaz Mouteira lembra que a vacina é a mellor forma de protexerse fronte a gripe e anima aos ourensáns a participar na campaña que comeza o luns

0

A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, indicou que a vacinación se ofrece de xeito continuado durante 11 semanas rematando o 27 de decembro


A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presentou hoxe en rolda de prensa a campaña de vacinación da gripe que a Consellería de Sanidade porá en marcha o próximo luns, 14 de outubro. Baixo o lema ‘A gripe vai chegar…vacínate’ a campaña prolongarase durante once semanas de xeito continuado, ata o vindeiro 27 de decembro. No acto, Díaz Mouteira fixo un chamamento a poboación para lembrar que a vacina é a mellor forma para protexerse fronte a gripe e evitar as complicacións asociadas á mesma.

No acto, Díaz Mouteira estivo acompañada pola xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, Laura López del Castillo, e pola subdirectora de Procesos de Enfermería da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Dolores Sánchez. Explicou que o obxectivo xeral desta campaña é diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas do padecemento da gripe, minimizando o efecto na saúde mediante a súa prevención.

Galicia será a primeira autonomía en administrar nesta campaña, e tamén por primeira vez, unha vacina tetracelular a persoas de 15 a 64 anos, con factores de risco. Sanidade cumpre así cun dos obxectivos marcados no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, aprobado en maio pasado.

En total, Sanidade adquiriu 615.000 doses de vacinas antigripais (7.000 máis que en 2018), e destinou un orzamento de 3.466.632 euros, máis de 1,3 millóns de euros que no ano 2018, o que supón un incremento de preto do 59%. Os responsables sanitarios consideran que para acadar os obxectivos de cobertura en Ourense ao longo de toda a campaña, haberá que administrar preto de 70.200 doses.

Novidades da campañaCómpre subliñar entre as novidades da campaña 2019, en canto á poboación diana, ademais do uso de vacinas tetravalentes de cultivo celular, a inclusión como grupo de risco aos nenos de entres seis meses de idade e dous anos de idade que naceran prematuros (con menos de 32 semanas de xestación), a incorporación explícita das persoas con trastornos da coagulación e a ampliación da utilización da vacina adxuvada para todas as persoas de 65 ou máis anos.

Entre os obxectivos específicos destaca acadar unha cobertura do 65% na poboación de 65 ou máis anos , lograr a cobertura dun 55% nas mulleres embarazadas e, ao igual que nos últimos anos, farase un especial fincapé na vacinación do persoal sanitario, no que se quere conseguir unha cobertura igual ou superior ao 50%. Con este obxectivo, repetiuse a oferta aos traballadores deste colectivo de vacinarse cunha semana de antelación con respecto á poboación para así poder afrontar o inicio da campaña de vacinación xa protexidos fronte a esta enfermidade, evitando o risco de transmisión da gripe aos seus pacientes. A novidade deste ano reside en que nesta edición amplíase a oferta ao persoal sanitario de centros privados.

A delegada territorial informou de que a provincia de Ourense conta cun total de 190 puntos de vacinación, nos que haberá vacinas dispoñibles durante as 11 semanas que dure a campaña, polo que esta pode levarse a cabo dun xeito progresivo evitando aglomeracións nos primeiros días.

Como en anos anteriores, Sanidade terá activa unha web temática da gripe como principal portal de información para a sociedade e os profesionais, na que se actualizada toda a información técnica e os datos de evolución da campaña.

Poboación diana A vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 ou máis anos, residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas e tamén para aquelas persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñen a padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, ofértase a persoas que lles poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións e tamén para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade.

A vacina antigripal non so evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade e, tamén, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe.

Datos da pasada campañaOurense continúa a ser a provincia cos niveis máis altos de cobertura. En 2018 acadouse unha porcentaxe do 62,54 % nas persoas de 65 ou máis anos, preto de 4 puntos por riba da media galega e mellorando os resultados con respecto á campaña de 2017.

Na pasada campaña, na provincia ourensá notificáronse 4.346 casos de gripe, dos que 174 foron ingresados (o 48% non estaban vacinados) e se rexistraron 14 falecementos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre