Inicio Galicia Díaz Mouteira destaca o compromiso da Xunta coas familias galegas e coa...

Díaz Mouteira destaca o compromiso da Xunta coas familias galegas e coa mellora da conciliación colaborando con todas as entidades dedicadas á infancia

0

A delegada territorial da Xunta en Ourense visitou a escola infantil María Ana de Celanova, unha das beneficiarias das axudas para o mantemento de centros dependentes de entidades de iniciativa social


A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada da xefa territorial da Consellería de Política Social, María José Fernández Laso, visitou esta mañá no concello ourensán de Celanova a escola infantil María Ana, dependente do Sagrado Corazón, un dos centros beneficiarios na provincia ao abeiro das axudas para o mantemento de escolas de atención á primeira infancia (0-3 anos) dependentes de entidades de iniciativa social.

Díaz Mouteira salientou hoxe o “bo traballo” que se está a levar a cabo desde as institucións sociais que, co seu esforzo e compromiso, están a axudar a dar resposta ás necesidades das familias galegas no campo da conciliación, no marco do obxectivo prioritario da Xunta de Galicia de consolidar a oferta existente e de ofrecer un servizo que permita aos pais e nais compaxinar as súas obrigas profesionais e familiares. Neste sentido, recordou a importancia da colaboración público-privada para garantir os servizos á totalidade da cidadanía galega. A representante do executivo galego puxo en valor a colaboración de todos: galegas e galegos, Administración local e todas as institucións que axudan a seguir creando futuro.

Esta escola infantil, que recibiu unha achega de 41.000 euros, oferta 30 prazas e conta con dúas aulas.

A delegada territorial recordou que no mes de maio se publicou a orde de axudas para escolas de iniciativa social, que conta este ano cun orzamento de 3,4 millóns de euros, isto é, un 10% máis que o ano pasado. Este financiamento leva a poñer á disposición das familias galegas 2.849 prazas públicas distribuídas en 49 escolas de iniciativa social de toda Galicia, que complementan as prazas que ofrecen os centros de titularidade da Xunta de Galicia e as demais escolas infantís con prazas públicas.

Díaz Mouteira fixo fincapé no esforzo da Xunta de Galicia para que cada día haxa máis recursos de conciliación para as familias galegas. Por iso, ademais de pór en valor esta orde que vén de publicarse, tamén resaltou outras medidas postas en marcha para conseguir este obxectivo: a Tarxeta Benvida, o Bono Coidado ou o Bono Concilia. Nesta liña, salientou que ao final desta lexislatura estarán en marcha 76 Casas Niño no rural galego para achegar unha atención de calidade a todos o concellos da comunidade.

A representante do Executivo galego indicou que onte a Consellería de Política Social publicou hoxe na súa páxina web a adxudicación das prazas concertadas en escolas infantís para o curso 2019-2020. A través deste procedemento, a Xunta pon a disposición das familias 492 prazas para nenas e nenos de 0 a 3 anos, que amplían e complementan a rede de recursos públicos de atención á infancia. Na provincia de Ourense son 3 os centros que ofertan estas prazas concertadas.

Marisol Díaz recordou que a comunidade galega conta xa con máis de 25.000 prazas públicas de atención á infancia de 0-3 anos, o que eleva a ratio de cobertura ao 44%, 11 puntos por riba da mínima aconsellada pola Unión Europea. “Podemos dicir que hoxe as familias galegas teñen máis oportunidades para conciliar que nunca”, apuntou a delegada territorial.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre