Inicio Galicia Díaz Mouteira analiza cos empresarios do polígono de San Cibrao das Viñas...

Díaz Mouteira analiza cos empresarios do polígono de San Cibrao das Viñas liñas de cooperación para favorecer a actividade empresarial

0

A delegada territorial da Xunta en Ourense mantivo este encontro días previos á celebración da asemblea xeral desta entidade que terá lugar o venres

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantivo hoxe unha xuntanza co presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao, José Antonio Rodríguez Araújo, e outros membros da xunta directiva. Este encontro desenvólvese días previos á celebración da 40ª asemblea xeral desta entidade, que terá lugar o próximo venres 11 de outubro.

No encontro Díaz Mouteira escoitou as demandas dos empresarios asentados neste parque industrial e xuntos analizaron liñas de cooperación para favorecer a actividade empresarial. Rodríguez Araújo trasladoulle a necesidade de ampliación do solo industrial, a aposta pola formación e dixitalización, amais da conveniencia de mellorar o transporte público, entre outros asuntos.

Díaz Mouteira subliñoulle ao presidente do polígono a aposta decidida do Goberno galego por mellorar e potenciar esta zona industrial, creada hai 53 anos e a máis grande en extensión de Galicia, que constitúe o gran polo industrial da provincia de Ourense.

Canto á formación e dixitalización Marisol Díaz lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria activa todos os anos diferentes liñas de axudas destinadas á posta en marcha de cursos e proxectos cuxa finalidade sexa facilitar os investimentos e a creación de emprego, impulsar proxectos da Industria 4.0 e á innovación, así como a mellora da competitividade e a internacionalización do tecido empresarial galego, entre os seus principais obxectivos. A representante do Goberno galego aludiu a que proximamente se resolverá a concesión de accións formativas para desempregados (AFD) que se impartirán en empresas, concellos ou entidades sen ánimo de lucro e que teñen como obxectivo a inserción e reinserción laboral das traballadoras e traballadores desempregados. Ademais, Marisol Díaz trasladoulle a José Antonio Rodríguez as axudas autonómicas existentes para impulsar a dixitalización das pemes.

Entre os retos da asociación empresarial, o seu presidente expuxo a necesidade de ampliación do solo empresarial desta zona industrial que desde hai tempo estuda a Xunta de Galicia e que se prevé resolva en breve.

Nas inquedanzas do empresariado tamén figura unha mellora das liñas de transporte que comunican co polígono industrial. A delegada territorial indicou que nas vindeiras semanas a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade coñecerá a proposta de adxudicatario das liñas e a se a súa oferta pode atender as demandas empresariais.

Así mesmo, a representante da Xunta, no encontro, lembrou outras actuacións do Goberno galego neste recinto empresarial co fin de convertelo en polo de atracción de novos investimentos na provincia de Ourense e de toda Galicia, entre as que subliñou as obras da conexión do polígono de San Cibrao das Viñas e a autovía das Rías Baixas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre