Rodeiro destacou que estas achegas permiten ás empresas medrar e aumentar a súa capacidade produtiva para ser máis competitivas
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro informou, esta mañá, das axudas da Consellería de Medio Rural para a comarca de Santiago de Compostela para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
O representante do goberno autonómico informou destas axudas durante a visita á empresa Queixería Barral beneficiada por esta orde de axudas cunha achega de máis de 23.000 euros que permitiu mobilizar un investimento de 67.000 euros para levar a cabo melloras tecnolóxicas na súa fábrica de queixos.
Este tipo de axudas consisten en subvencións a fondo perdido para realizar investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas na comunidade destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios. Neste senso, Ovidio Rodeiro destacou que “o importante deste tipo de achegas é que van encamiñadas a facer que as nosas empresas do rural amplíen a súa capacidade produtiva e sexan moito máis competitivas”. O delegado territorial puntualizou que “estas axudas son unha gran oportunidade para que as nosas empresas poidan seguir medrando e mellorando as súas instalacións, unha peza clave para garantir o seu futuro”.
O delegado territorial informou de que na última convocatoria se beneficiaron destas axudas 27 empresas de toda a provincia da Coruña e recibiron achegas por valor de 8,7 M€.
Na comarca de Santiago de Compostela foron 10 as empresas beneficiadas por estas axudas nos concellos de Ames, Arzúa, Frades, Melide, Padrón e Touro, recibiron 2,2 M€ e mobilizaron 6 M€ .
Por áreas, nesta comarca destacan 6 proxectos relacionados coa alimentación humana cun investimento de 4,9 M€ e unha axuda de 1,9 M€. As outras 4 iniciativas, beneficiadas por esta orde, teñen que ver coa alimentación animal. Estes proxectos recibiron achegas por valor de 338.000 euros e mobilizaron un total de 1 M€. CONCELLO