Inicio Galicia Desde hoxe os menores de 21 anos da área de Pontevedra e...

Desde hoxe os menores de 21 anos da área de Pontevedra e da provincia de Ourense poden viaxar de balde no transporte público da Xunta coa Tarxeta Xente Nova

0

Os novos usuarios da tarxeta Xente Nova tamén poderán empregala para viaxar gratis no transporte da Xunta nas áreas de Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo e Vigo, nas que o dispositivo está implantado

Desde hoxe os menores de 21 anos de Ourense e da área de Pontevedra poden viaxar de balde no transporte público da Xunta empregando a tarxeta Xente Nova.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou esta mañá co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o inicio do funcionamento deste dispositivo no municipio. Este é un dos 13 concellos da área de Pontevedra nos que hoxe se activou o funcionamento da tarxeta Xente Nova, que ademais, comeza a operar, tamén, na provincia de Ourense.

Os menores de 21 anos que se fagan con esa tarxeta tamén poderán viaxar gratis no transporte da Xunta nas áreas de Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo e Vigo, nos que esta tarxeta Xente Nova xa está implantada desde 2016.

Estímase que 6.500 mozos da área de 13 concellos da área de Pontevedra poderán beneficiarse deste tarxeta. Partindo da experiencia de funcionamento nas outras áreas de transporte prevese que 400 mozos se beneficien da tarxeta Xente Nova en Sanxenxo, onde podería acadar a 2.600 usuarios se a empregase o 100% da poboación menor de 21 anos.

As tarxetas comezaron a emitirse o pasado mércores, 10 de xuño, e, ata o venres 12, distribuíronse preto de 240 dispositivos ‘Xente Nova’ nos 13 concellos da área de Pontevedra, dos cales 10 foron no municipio de Sanxenxo. Sumando as emitidas na provincia de Ourense, acadouse a cifra de case 300 novas tarxetas Xente Nova.

A tarxeta Xente Nova pode solicitarse, con cita previa, en calquera das 25 oficinas habilitadas de Abanca nos 13 concellos da área de Pontevedra, tendo en conta que os menores de 21 anos deben ir acompañados dun dos seus proxenitores. En Sanxenxo emítese na oficina situada na rúa Igrexa.

O dispositivo funciona como unha tarxeta moedeiro, de forma que non precisa ter unha conta asociada. Debe ter un saldo inicial para empezar a viaxar e, posteriormente, irá reembolsándose cada 15 días o importe das viaxes realizadas, ata un máximo de 60 viaxes mensuais.

Ademais, para facilitar unha mobilidade segura e un pago sen contactos, desde hoxe os maiores de 21 anos tamén poderán solicitar e utilizar a tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia nos autobuses da Xunta.

Neste caso, estímase que poderán beneficiarse da TMG uns 6.000 veciños de Sanxenxo, 42.000 persoas na área de Pontevedra.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre