Inicio Galicia Descobren un valioso bronce votivo do século III A.C. nas excavacións da...

Descobren un valioso bronce votivo do século III A.C. nas excavacións da Xunta no castro de Viladonga

0

Segundo a opinión dos expertos, trátase da peza cunha decoración máis rica das atopadas deste tipo no conxunto de Galicia


O castro de Viladonga segue a dar sorpresas practicamente 50 anos despois do comezo das primeiras escavacións. Neste caso, veñen de concluírse as investigacións que confirman o achado dunha pequena machada votiva de bronce asociada a rituais de sacrificio. A devandita peza, de apenas 13 cm. e 22 gramos de peso, foi atopada nas escavacións arqueolóxicas impulsadas pola Xunta de Galicia e correspondentes á campaña 2019-2020, durante os traballos no alxibe monumental.

En concreto, no fondo, sobre as escaleiras de acceso ao depósito aparecía unha peza de bronce asociada a outros materiais, principalmente cerámica, ósos e restos de carbón. As análises do material orgánico recollido na campaña anterior confirmaron que se trataba dunha construción castreña prerromana do século III a.

C., anterior polo tanto á construción da muralla do poboado. A peza poderá ser contemplada en breve neste museo xestionado pola Consellería de Cultura e Turismo.

Singular bronce sacrificialAo respecto do bronce, cómpre dicir que se trata dunha gran descuberta pola escaseza destas pezas e a súa profusa e complexa decoración. Non é a primeira vez que se encontran machadas sacrificais en Galicia, de feito temos achados análogos en Cariño, Lalín, Mondoñedo ou Cervo; pero, a dicir dos expertos, esta é probablemente a machada votiva cunha decoración máis rica. Así, no colgante desenvólvense moitos dos elementos comúns a estas pezas, como a propia machada, os sogueados ou o torques, ademais dun prótomo de touro, un xabaril na zona mesial, e un prótomo de carneiro na zona distal.

O colgante está relacionado con ritos de sacrificio desenvoltos na segunda Idade de Ferro no noroeste peninsular e enriquece o material ergolóxico do Castro de Viladonga. Tanto a machada como o alxibe recentemente descuberto son novas atraccións para o visitante nun xacemento cada vez más rico e espectacular que, campaña tras campaña, ofrece novos achados.

Centro de referenciaO Castro de Viladonga é un dos xacementos arqueolóxicos máis senlleiros de Galicia, un dos máis coñecidos polo público, e tamén un dos que recibe un maior número de visitas. O conxunto arqueolóxico e museístico ocupa o cumio dun monte desde o que se contempla a Terra Chá lucense e as serras de Monciro, de Pradairo e Meira. A importancia arqueolóxica e o interese histórico de Viladonga púxose de relevo a raíz das escavacións iniciadas en 1971, tanto pola monumentalidade e diversidade das estruturas descubertas como pola cantidade e calidade dos materiais recollidos.

O xacemento é un exemplo de asentamento destacado, sobre todo entre os séculos II e V d.

C., moi importante para o coñecemento, estudio e comprensión do mundo castrexo trala conquista romana. No castro continúan de forma periódica os traballos arqueolóxicos tanto de escavación como de limpeza e consolidación.

O Museo asociado abriuse ao publico en novembro de 1986. Dedícase á interpretación e explicación do xacemento e á custodia e a exposición dos materiais procedentes das sucesivas escavacións. Está situado entre as dúas últimas murallas do lado sueste do Castro, moi preto da súa croa.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre