Inicio Galicia Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo do 25 de...

Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo do 25 de novembro de 2019: Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller

0

Hoxe, 25 de novembro, conmemórase un ano máis o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, unha violencia que nos obriga dende o ámbito público a empregar todos os esforzos, recursos e vontades para acadar algún día a súa erradicación, ao tempo que debemos traballar para reparar o dano sufrido polas vítimas, un dano inxusto e intolerable, froito dun grave problema social que nos atinxe a todas e a todos e que nos obriga a fomentar a transformación de contextos discriminatorios noutros máis igualitarios.

En marzo deste ano 2019 o Goberno galego aprobou un plan de actuación para a implantación na nosa Comunidade Autónoma das medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, plan que permitiu a posta en marcha de novas medidas e o reforzo e ampliación doutras que Galicia xa tiña en funcionamento. Un plan que constitúe unha aposta firme e decidida de todos os departamentos da Xunta de Galicia na loita contra a violencia machista desde unha mirada transversal. Esta aposta decidida marcará o camiño para os vindeiros anos, con pasos firmes nesta loita común, e apelando á necesidade de unir esforzos por e para incrementar a eficacia dos nosos compromisos cara un cambio social que faga posible a igualdade real.

No marco simbólico do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero a Xunta de Galicia expresa con claridade e decisión a súa vontade de avanzar cara escenarios que nos axuden a configurar unha Galicia libre de violencia machista, co compromiso de implicarnos tamén na sensibilización social necesaria para propiciar unha transformación cultural que permita acadar un novo pacto social entre mulleres e homes. Un novo pacto baseado en relacións libres de violencia, que poña o centro na vida humana e na liberdade das persoas sen distinción de sexos.

Que a morte de Mª José, Mª Carmen, Sandra, Alba e Elena, asasinadas en 2019, non quede no esquecemento e nos impulse a seguir insistindo na prevención de todas as formas de violencia cara as mulleres como garantía para a non repetición de situacións inaceptables, así como para seguir ofrecendo e mellorando recursos e servizos que restitúan o dano causado a través da completa recuperación das vítimas e das súas fillas e fillos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre