Inicio Galicia Declaración institucional con motivo do Día Internacional da Nena

Declaración institucional con motivo do Día Internacional da Nena

0
image_gallery.png


Con motivo do Día Internacional da Nena, que se conmemora o 11 de outubro, o Goberno galego reafirma o seu compromiso cos dereitos das nenas de todo o mundo, independentemente da súa orixe, cultura ou relixión, para que todas elas poidan aprender, liderar, decidir e prosperar no mundo e nas súas vidas.

O 19 de decembro de 2011, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declaraba o 11 de outubro como Día Internacional da Nena para recoñecer os seus dereitos e os desafíos únicos aos que se enfrontan en todo o mundo, así como promover o seu apoderamento e o cumprimento dos seus dereitos humanos.

Con anterioridade, hai 25 anos, en 1995 celebrouse en Beijing a Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller na cal se aprobou a Declaración e Plataforma de Acción de Beijing que constitúe o plan máis progresista xamais realizado para promover os dereitos non só das mulleres senón tamén das nenas. A Declaración de Beijing é a primeira en chamar especificamente aos dereitos das nenas.

Aínda que podemos celebrar logros acadados dende a aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno en 1990 e coa Declaración de Beijing, moitos dos compromisos contraídos coas nenas están aínda por cumprir.130 millóns de nenas seguen fóra das escolas en todo o mundo; 15 millóns de rapazas adolescentes de 15 a 19 anos víronse obrigadas a manter relacións sexuais; 140 millóns de nenas e mulleres sufriron a mutilación feminina; cada ano casan 12 millóns de nenas menores de 18 anos e o embarazo adolescente é a primeira causa de morte de nenas en países en desenvolvemento.

Na actualidade hai 1.100 millóns de nenas en todo o mundo e urxe cumprir os compromisos asumidos hai 25 anos. Reivindicamos un mundo en que cada nena e cada muller poidan gozar de todos os seus dereitos, por exemplo, vivir libres de violencia, asistir á escola e rematar os seus estudos, elixir cando e con quen casar e recibir unha remuneración equitativa por un traballo equitativo.

Constitúen un poderoso grupo que pode dar forma a un mundo sustentable e mellor para todas as persoas: millóns de nenas talentosas e creativas. Con todo, os seus soños e o seu potencial poden verse frustrados pola discriminación, a violencia e a falta de oportunidades.

O Goberno galego pretende visibilizar e concienciar sobre a situación que viven millóns de nenas de todo o mundo que, polo mero feito de seren nenas, sofren unha dobre discriminación por xénero e por idade e, tal e como recollen os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 adoptada por Nacións Unidas, concretamente o seu Obxectivo 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e apoderar todas as mulleres e as nenas.

Deixemos que as nenas sexan nenas. Nenas, adolescentes e mulleres deben ter un papel crucial no desenvolvemento económico e social das próximas décadas. Como emprendedoras, innovadoras e iniciadoras de movementos globais, as nenas están a crear un mundo que é relevante para elas e as xeracións futuras.

Hoxe máis que nunca o Goberno galego apoia a participación das nenas nas decisións que afectan as súas vidas e que lles facilitan novas oportunidades de desenvolvemento en igualdade de condicións. E así reafirmamos o noso compromiso para seguir impulsando políticas que garantan os dereitos das nenas, co obxectivo de conseguir unha sociedade xusta, libre e igualitaria.

O Goberno galego manifesta ou seu apoio a todas as nenas, nomeadamente ás galegas, que inspiran, revolucionan e reivindican o seu poder como impulsoras do cambio.

As nenas forman parte dunha gran e vibrante xeración mundial preparada para asumir o futuro. Polo tanto, o seu progreso non só é bo para elas; tamén o é para as súas familias, as súas comunidades, as nacións e o mundo.

As nenas sempre cambiaron o mundo e esta xeración ha facelo aínda mellor. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre