Inicio Galicia Davide Salvado e Fernando Barroso levarán a música galega á segunda edición...

Davide Salvado e Fernando Barroso levarán a música galega á segunda edición do evento profesional Sol Madrid

0

Protagonizarán cadanseu ‘showcase’ baixo a marca GalicianTunes On Tour neste exclusivo evento que terá lugar do 6 ao 8 de xuño


Os galegos Davide Salvado e Fernando Barroso son dous dos 20 artistas seleccionados para o cartel de concertos promocionais de SoL Madrid, evento profesional arredor do negocio da música que terá lugar do 6 ao 8 de xuño. Ambos presentaranse baixo a marca GalicianTunes On Tour, da Consellería de Cultura e Turismo, para reforzar a proxección exterior da música galega.

Definido pola organización como evento boutique, SoL Madrid celebrarase no Impact Hub arredor dun programa de reunións de negocios entre empresas, profesionais e artistas cun exclusivo grupo de programadores de festivais, axencias de contratación e medios de comunicación procedentes de Asia, Estados Unidos, Europa e Latinoamérica. En paralelo, desenvolveranse os devanditos concertos promocionais, aos que estarán convidados os acreditados no encontro.

Davide Salvado achegaralles a expresión máis pura e carismática da música tradicional galega, froito do seu amplo traballo de investigación recollendo cantares en aldeas e vilas dentro e fóra de Galicia, así como da súa longa traxectoria sobre os escenarios tanto en solitario como xunto a outros coñecidos músicos galegos. En 2019, Salvado está a presentar Amarelo, un novo espectáculo no que reinterpreta cancións tradicionais galegas e doutras partes do mundo, acompañadas dos textos do escritor, guionista e actor Manolo Cortés. Nesta xira, acompáñano en escena Pedro Pascual e Pablo Dalama.

Pola súa banda, o multiinstrumentista Fernando Barroso forma parte de diferentes proxectos musicais, mentres continúa presentando en directo os temas do seu segundo traballo discográfico, Silence Lovers Club, xunto a Margarida Mariño ao violoncello. Neste disco, o swing e o jazz mestúranse con aires persas e coa tradición galega, sempre coa mandolina como fío condutor.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre