Inicio Galicia Daniel Barral recibe o primeiro premio do certame Manuel Murguía de narrativa...

Daniel Barral recibe o primeiro premio do certame Manuel Murguía de narrativa breve

0

O secretario xeral de Política Lingüística participou este serán na entrega do galardón celebrada no Centro Cívico e Cultural de Arteixo

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán no acto de entrega dos premios do 28º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, que convoca o concello de Arteixo co apoio da Consellería de Cultura e Turismo. O primeiro premio do dito certame recaeu este ano en Daniel Barral Calvo polo relato A casa de Castrouteiro; o segundo foi para Tito Pérez Pérez por A idade do escarnio e o terceiro recibiuno Francisco Rozados Rivas por Crónica de ningures.

Valentín García felicitou tanto os galardoados como o Concello de Arteixo, “que non decae no seu empeño de traballar a prol da lingua e da cultura de Galicia tamén no campo da literatura, nin no de honrar a Manuel Murguía, auténtico patriarca das nosas letras que soubo ver a importancia do idioma e poñelo no centro da nosa definición como galegos e galegas”.

Xunto co secretario xeral de Política Lingüística, interveu no acto Inmaculada Otero, voceira do xurado. Os encargados de entregar os premios foron Carlos Calvelo Martínez, alcalde de Arteixo; Inés Ramos Álvarez, concelleira de Benestar, e Ana Bello Vázquez, concelleira de Cultura. Presentou Alfredo Ferreiro, coordinador literario do certame. A entrega de premios contou tamén coas actuacións dos actores Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín.

Incremento dos premiosÁ 28ª edición do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía podían concorrer autores que presentasen unha única obra en galego de entre 15 e 30 páxinas de extensión. Este ano, a dotación dos premios incrementouse en 1.300 €, de xeito que o primeiro premiado recibirá 4.000 e a publicación da obra galardoada; o segundo, 1.500, e o terceiro, 600 euros.

O xurado do premio estivo constituído por Xabier López López, nomeado pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega; Inmaculada Otero Varela, nomeada pola Asociación Galega da Crítica; Charo Pita Villares, gañadora do 27º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, e Alfredo Ferreiro Salgueiro, coordinador literario do certame.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre