Inicio Galicia Cultura inviste 37.000 euros na restauración do retablo da igrexa de San...

Cultura inviste 37.000 euros na restauración do retablo da igrexa de San Miguel de Soutopenedo, en San Cibrao das Viñas

0

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, supervisou os traballos que tiveron un prazo de execución de catro meses

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, supervisou esta mañá a obra de restauración do retablo maior da igrexa de San Miguel de Soutopenedo, en San Cibrao das Viñas, que vén de executar a Consellería de Cultura e Turismo. Esta intervención, que conta cun investimento de 37.000 euros, realizouse co fin de garantir a protección e conservación deste ben, que constitúe un conxunto de referencia do patrimonio histórico-eclesiástico de San Cibrao das Viñas.

Esta estrutura arquitectónica, pictórica e escultórica que preside o altar maior deste templo está incluída no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. Trátase dun retablo de estilo barroco situado na igrexa de San Miguel de Soutopenedo que data do século XVIII e presenta unha policromía rica en dourados á auga e marmoreados.

A actuación tivo por obxectivo "frear a deterioración do retablo, suprimindo ou minimizando os factores de alteración actuais e previndo no posible os futuros, así como a recuperación da súa funcionalidade", segundo indica o prego elaborado pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

Ata agora, o cableado eléctrico percorría gran parte da súa estrutura, o que implicaba ademais dunha alteración estética, unha alteración da estrutura de madeira polas ancoraxes utilizadas, co conseguinte perigo de incendio. O retablo presentaba a oxidación do verniz e unha importante acumulación de po e sucidade, que alteraba a visión da policromía e provocaba a deterioración dos seus materiais.

Os traballos realizados, que tiveron un prazo de execución de catro meses, consistiron na consolidación do soporte, tratamento de elementos metálicos, fixación da policromía, retirada ou ocultación do cableado eléctrico, limpeza físico química do todo o elemento escultórico, reintegracións volumétricas e cromática, vernizado e aplicación de protección final.

Díaz Mouteira subliñou o compromiso da Xunta coa preservación do noso rico patrimonio cultural, do que forma parte este retablo que acolle a igrexa de San Miguel de Soutopenedo

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre