Inicio Galicia Cultura e Colectivo Egeria lembran a pegada de Antonio Fraguas na cidade...

Cultura e Colectivo Egeria lembran a pegada de Antonio Fraguas na cidade de Lugo

0

O secretario xeral de Política Lingüística asistiu no IES Lucus Augusti á presentación do proxecto-homenaxe ‘Os nove anos de Fraguas en Lugo’, promovido por antigos alumnos do autor ao que a RAG lle dedica o 17 de maio

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe, no IES Lucus Augusti, ao acto de presentación do proxecto-homenaxe Os nove anos de Fraguas en Lugo, impulsado polo Colectivo Egeria –no que participan ex-alumnos de Antonio Fraguas, autor ao que a RAG lle dedica este ano o 17 de maio– co apoio da Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura e Turismo, para lembrar o paso do polígrafo de Cerdedo-Cotobade pola cidade da Muralla, onde exerceu como profesor de ensino secundario durante case unha década.

Valentín García explicou que as persoas que non coñeceron persoalmente a Antonio Fraguas “reparan fundamentalmente na súa faceta de etnógrafo. En cambio, aqueles que tiveron a fortuna de recibir o seu maxisteiro, sen deixar de salientar o seu relevantísimo papel como investigador, divulgador e dignificador da cultura popular galega, antepoñen na lembranza a súa extraordinaria capacidade e vocación para a docencia e a miúdo insisten na pegada que deixou neles este magnífico profesor, quen en moitos casos foi responsable de espertar en alumnado e compañeiros o interese e o amor por Galicia”.

No acto interviñeron, ademais de Valentín García e Manuel Regueiro –ex-director xeral de Política Lingüística e un dos promotores da iniciativa xunto cos ex-alumnos de Fraguas Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz e mais o historiador Antonio Prado–, o director do IES Lucus Augusti, Carlos Cazón Rivas; o director de Galicia Digital, Antonio Xiz, e os xa mencionados ex-alumnos.

Un libro, unha exposición e un webO proxecto-homenaxe Os nove anos de Fraguas en Lugo inclúe tres materiais que foron presentados nos actos de hoxe, en si mesmo xa unha homenaxe ao autor a quen se lle dedicará o vindeiro Día das Letras Galegas.

O libro Os nove anos de Fraguas en Lugo recolle textos dos promotores da iniciativa e mais doutros amigos e antigos alumnos do profesor de Cerdedo-Cotobade referidos aos tempos en que este foi docente na capital lucense e á fonda pegada que deixou neles e na sociedade. A exposición está composta por 12 paneis en que se resume o contido do libro. Foi aberta durante o acto e percorrerá toda Galicia despois de permanecer durante unhas semanas no IES Lucus Augusti. Por último, o web fraguasenlugo.org recolle todos os contidos da publicación en papel.

Ademais de presentar estes tres materiais, durante o acto impúxoselle o nome Antonio Fraguas ao arquivo e biblioteca histórica do instituto. Tamén se lle fixo entrega ao centro do cadro realizado polo pintor Manuel Romero co gallo desta celebración.

O proxecto-homenaxe Os nove anos de Fraguas en Lugo forma parte da programación institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día das Letras Galegas 2019. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre