Inicio Galicia Corina Porro pon en valor as axudas para a mellora das escolas...

Corina Porro pon en valor as axudas para a mellora das escolas infantís xestionadas por entidades de iniciativa social en Vigo

0

A delegada territorial recorda que xa está aberto o prazo da nova convocatoria, que o ano pasado repartiu entre seis escolas máis de 98.000 euros para infraestruturas

A delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, puxo hoxe en valor as axudas para investimentos na mellora de infraestruturas e equipamentos das escolas infantís para nenos e nenas de 0 a 3 anos dependentes de entidades privadas de iniciativa social (EPIS). Segundo informou, esta orde de axudas repartiu o pasado ano máis de 98.000 euros entre seis centros.

A representante autonómica, quen fixo balance das achegas da Consellería de Política Social neste eido, aproveitou para sinalar que xa está aberto o prazo de presentación para as novas solicitudes ata o próximo 6 de setembro.

Ao abeiro desta convocatoria e baixo o réxime de concorrencia competitiva serán subvencionables tanto as obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas, como obras novas que non precisen de proxecto técnico e melloren a accesibilidade ou doten ao edificio de servizos necesarios. Neste senso, recordou que a orde que regula estas concesións conta cun crédito total de 400.000 euros, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Así mesmo, entran dentro desta orde de axudas a adquisición e mellora do equipamento do centro a compra de mobiliario interior e exterior, así como de material didáctico e de xogo. Como novidade, a compra deste material deberá realizarse aplicando a perspectiva de xénero para promover entre as nenas e nenos a construción da personalidade libre de estereotipos.

Ademais, a convocatoria tamén subvenciona a dotación de conexión a internet e a compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula, tales como ordenadores, encerados dixitais, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.

Financiarase ata o 100% do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 15.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 10.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula. Cada entidade poderá percibir unha axuda máxima de 25.000 euros, con independencia do número de centros para os que presente a solicitude.

Axudas ao mantementoAsemade, Corina Porro recordou que a Xunta vén de publicar a resolución das axudas dirixidas ao mantemento destes mesmos centros para o ano 2019 cunha contía para os centros vigueses que ascende a 700.000 euros.

Nesta nova convocatoria mantense o importante incremento orzamentario, de preto do 10%, que xa se aplicou na anterior, polo que a contía total destinada a estas axudas no conxunto de Galicia ascende a máis de 3,4 millóns de euros.

A contía da axuda establécese en función do número de unidades da escola infantil. Deste xeito, os centros con servizo de comedor que teñan de 1 a 3 unidades recibirán 20.507 euros por cada unha delas, os que dispoñan de 4 a 6 unidades percibirán 19.579 euros por unidade en funcionamento, e aquelas escolas que conten con 7 ou máis unidades habilitadas terán unha achega de 18.640 euros por unidade en funcionamento. Así mesmo, os centros que non conten con servizo de comedor recibirán unha axuda de 16.554 euros por cada unidade.

A este respecto, Corina Porro defendeu que o Goberno galego consolida un orde que da que se beneficiaron 8 EPIS no actual curso escolar e que permitiu o financiamento de 542 prazas de 0 a 3 anos. Cómpre lembrar que as EPIS beneficiadas destas subvencións deben aplicar o decreto de prezos da rede autonómica para atención educativa.

Unha medida que, dixo, “responde ao compromiso de seguir a traballar para eliminar os obstáculos que se atopan as familias que desexan ter fillas ou fillos, entre eles os que atinxen á conciliación”.

Nesta liña enmárcanse avances como as máis de 24.000 prazas de 0 a 3 anos sostidas con fondos públicos a nivel autonómico, o dobre que hai unha década, a posta en marcha dunha rede de casas niño no rural, as liñas de axuda para o financiamento e entrada en servizo de escolas infantís en contornas laborais ou o Bono Concilia, co que se axuda a pagar a escola infantil que elixan aquelas familias que non puidesen acceder a unha praza pública.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre