Inicio Galicia Corina Porro: "A sede do CGAC contará coa asignación de fondos necesaria"

Corina Porro: "A sede do CGAC contará coa asignación de fondos necesaria"

0

A Xunta de Galicia cumprirá o compromiso de impulsar a creación xove e contemporánea na cidade, cunha rede de espazos creativos no Casco Vello

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, aclarou hoxe que tanto a futura sede do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) como o proxecto do que forma parte, o Vigo Crea. Barrio Creativo, contará cos fondos que sexan necesarios.

A creación dunha rede de espazos creativos no Casco Vello, con 17 inmobles que formarán parte do proxecto, vai permitir desenvolver iniciativas emprendedoras no ámbito cultural e artístico, nas condicións que se fixen de acordo coas necesidades dos axentes dos sectores implicados.

A representante autonómica que tamén é presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo, acentuou a dobre dimensión dun espazo cultural “novidoso e dinámico”, en tanto contribúe á rehabilitación dun novo inmoble (Berbés, 7) e á dinamización do barrio histórico, en alusión ao edificio que albergará a futura sede do CGAC.“Imos cumprir o noso compromiso de impulsar a creación xove e contemporánea na cidade”, subliñou. Un novo espazo cultural pioneiro que nace coa vocación de impulsar o emprendemento, a creatividade e a cultura e que pretende converterse nun referente para a actividade artística.

Intenso labor de rehabilitaciónNesta mesa dirección, Corina Porro defendeu o intenso labor de rehabilitación desenvolvida nos últimos anos polo Consorcio Casco Vello de Vigo (participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello) en canto á recuperación do barrio histórico e recordou que neste 2020 recibirá un pulo importante tras duplicar o Goberno galego a súa achega económica. “O noso obxectivo non é outro que seguir mellorando e revitalizando esta zona da cidade, polo que valoramos positivamente que o Concello ofreza o seu respaldo ao proxecto Vigo Crea”, destacou.

O proxecto Vigo Crea. Barrio Creativo busca así impulsar as industrias creativas e o turismo cultural na cidade, fomentando o talento local e os novos creadores, ao tempo que se aposta pola dinamización da zona histórica da cidade. Deste modo, favorecerase a instalación de empresas, emprendedores, start-ups, creadores ou entidades en locais propiedade do Consorcio do Casco Vello co obxectivo de poñer en marcha diferentes proxectos no eido das industrias culturais e creativas, pero tamén no ámbito turístico.

Dos 17 inmobles que formarán parte do proxecto Vigo Crea. Barrio Creativo, dez deles destinaranse á posta en marcha de proxectos no eido das industrias creativas, en ámbitos como as artes visuais, artes escénicas ou a banda deseñada, nos que se poderán levar a cabo, entre outras, iniciativas de creación, xestión, consultorías ou espazos destinados á prestación de servizos nestes eidos.

Outros cinco espazos estarán destinados ao eido turístico e terán como obxectivo desenvolver proxectos neste ámbito. Os outros dous inmobles dedicaranse a usos comúns, de formación e acompañamento co fin de favorecer o intercambio de ideas e proxectos, facendo desta iniciativa unha acción de traballo en rede. A selección dos proxectos que o integrarán realizarase a través dunha convocatoria aberta en base aos valores desta iniciativa, como son a posta en marcha de proxectos innovadores, sustentables e en liña con principios como a igualdade de oportunidades.

En resumo, un conxunto de iniciativas culturais, incluíndo a futura sede do CGAC cun proxecto museográfico específico que estará centrado na escena local, que permitirán converter o Casco Vello de Vigo nunha incubadora de proxectos creativos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre