Inicio Galicia Cores Tourís informa á plataforma de veciños da PO-309 da próxima adxudicación...

Cores Tourís informa á plataforma de veciños da PO-309 da próxima adxudicación da obra de mellora deste vial de Poio

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra trasladoulles que no prazo dun mes comezarán os traballos de construción dunha senda e mellora da iluminación deste tramo que terá un orzamento de case 49.000 euros


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión cos representantes da plataforma de veciños de PO-309 aos que informou sobre a próxima adxudicación da obra de mellora deste vial que enlaza Lourido coa autoestrada AP-9.

O delegado territorial estivo acompañado neste encontro polo xefe da Axencia de Infraestruturas en Pontevedra, Fausto Núñez. Durante o mesmo, informóuselles aos veciños que se trata dun contrato derivado do Plan de Sendas desta Consellería, e que agárdase a súa adxudicación en outubro “de xeito que as obras comezarán nese mesmo mes e permitirán garantir a mellora da seguridade viaria dos peóns, tal e como nos demandaron os veciños da zona, aos que visitei para coñecer a problemática desta vía que conta con pouca iluminación nos pasos de peóns”.

O proxecto, que roldará os 49.000 euros co IVE incluído, suporá a instalación de 14 novas luminarias e a mellora dos pasos de peóns. Tamén, como complemento, estenderase unha senda por unha beira dos carrís de xeito que os peóns poidan ir andando con maior seguridade.

Esta obra atópase inmersa dentro da estratexia en materia de mobilidade alternativa na comarca de Pontevedra da Axencia Galega de Infraestruturas, que ten como obxecto identificar e planificar os tramos de sendas peonís ou ciclistas necesarios para mellorar a mobilidade sostible nesta comarca. Os traballos inclúense dentro do programa operativo FEDER 2019-20, e en particular, dentro da acción de fomento de estratexias de redución do carbono e da mellora da seguridade viaria.

O itinerario proxectado comeza na rotonda de acceso á Lourido e remata preto do acceso á autoestrada AP-9, cun itinerario de 400 metros de lonxitude.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre