Inicio Galicia Cores Tourís destaca os 114.000 euros destinados á urbanización da parcela das...

Cores Tourís destaca os 114.000 euros destinados á urbanización da parcela das antigas vivendas de mestres do CEP Magariños de Cambados

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra fixo entrega ao concello do convenio de colaboración entre este concello e a Consellería de Educación para a instalación dun comedor escolar no CEIP Santo Tomé


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o CEP Antonio Magariños Palacios de Cambados para presentar á comunidade educativa o proxecto de demolición das antigas vivendas de mestres e da urbanización desta parcela co obxectivo de ampliar o patio escolar.

Nesta visita, o delegado territorial estivo acompañado da alcaldesa da localidade, Fátima Abal, así como do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e dos responsables do centro educativo.

Estas obras, que contan cun orzamento de 114.000 euros, suporán a demolición de 10 das 12 vivendas pareadas con edificacións auxiliares adosadas, que ocupan a parte norte da parcela do colexio. Dous destes edificios quedarán en mans da asociación de pais e nais do colexio.

Tal e como explicou Cores Tourís, o obxectivo deste proxecto é liberar este espazo para poder ampliar o patio escolar e así converter esta zona nun lugar de esparcemento e actividades para uso do centro educativo. O centro incluso ten pensado poñer en marcha unha horta escolar.

A demolición das vivendas, segundo matizou o delegado territorial, “realízase despois de que se comprobase que as mesmas atópanse deshabitadas e sen uso. O terreo que queda libre regularizarase, eliminando as soleiras, os pavimentos e peches existentes, podaranse as árbores e actuarase no peche da parcela”. Ademais, levantarase o cercado norte para construír outro igual ao existente, de sillares de granito, complementándose a actuación cunha malla metálica.

Este venres remata o prazo administrativo e contratarase a empresa que executará os traballos en canto o concello aporte a licencia de obra. O prazo de execución será de tres meses.

Comedor Santo ToméPor outra banda, aproveitando a visita a Cambados, o delegado territorial entregou á alcaldesa de Cambados o convenio que se vai firmar entre a Consellería de Educación e o municipio de cara á instalación dun servizo de comedor escolar no CEIP Santo Tomé.

As actuacións teñen un orzamento de 120.000 euros e se executarán sobre un inmoble de titularidade municipal adscrito a uso educativo. “Non podemos esquecer que nestes intres é necesaria a colaboración entre administracións para a poder afrontar unha obra destas características”, explicou Cores Tourís, “deste xeito”, engadiu, “os convenios entre administracións constitúen un instrumento adecuado para desenvolver a súa cooperación en cuestións de interese común”. As obras serán así financiadas ao 50% entre ambas institucións.

Os traballos executaranse durante o próximo verán de cara a que poida abrir o servizo no curso educativo 2020-21, cunha capacidade de cerca de cen usuarios.

José Manuel Cores Tourís rematou recordando que a Consellería de Educación investiu nos últimos anos 3,2 millóns de euros tanto en obras de mellora en centros de Primaria coma de Secundaria de Cambados.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre