Inicio Galicia Cores Tourís destaca na clausura do obradoiro 'Forme18' de Vilagarcía a importancia...

Cores Tourís destaca na clausura do obradoiro 'Forme18' de Vilagarcía a importancia dunha formación especializada que facilite o acceso ao mercado laboral

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra participou hoxe na clausura desta iniciativa na que se formaron un total de 20 alumnos en carpintería e promoción turística


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou hoxe na clausura do obradoiro dual de emprego Forme18 no que participaron un total de 20 veciños de Vilagarcía de Arousa, recibindo formación especializada en carpintería e promoción turística. No acto estivo tamén presente o alcalde da localidade, Alberto Varela.

Cores Tourís sinalou a necesidade de ofrecer unha formación continua que garanta un acceso máis favorable ao mercado laboral, lembrando que a maior formación, máis posibilidades existen de competir nun mercado que cada vez esixe unha preparación máis versátil e comprometida co cambio tecnolóxico.

O delegado territorial da Xunta, ademais, destacou o compromiso da Xunta pola formación poñendo en valor que neste obradoiro a Xunta investiu máis de 288.800 euros. Dez dos participantes recibiron formación e realizaron un traballo vinculado ás seguintes actividades: elaboración de mobiliario en diferentes edificios municipais. Os outros dez restantes formáronse en promoción turística local para a posta en valor dos recursos naturais e patrimoniais do municipio e a súa difusión.

Vilagarcía tamén desenvolveu outro obradoiro auspiciado pola Xunta de Galicia, neste caso, dirixido a mozos e mozas de máis de 18 anos e que tivo como obxectivo a formación de 16 desempregados en socorrismo en espazos acuáticos e atención ao cliente.

Cores Tourís recordou que nos últimos anos, case 250 desempregados beneficiáronse de obradoiros no concello de Vilagarcía, entre alumnos, titores, profesores e administrativos. En total, a Consellería de Economía destinou máis de 1,8 millóns de euros a este fin no concello arousano, onde se desenvolveron obradoiros de atención sociosanitaria, mellora de montes, xardinería, carpintería, páxinas web, dinamización de tempo libre e actividades deportivas.

En total desenvolvéronse no presente ano 26 obradoiros na provincia, 18 duais e 8 dirixidos a mozos de menos de 25 anos, nos que participaron 487 alumnos. No caso dos obradoiros duais, a novidade foi a combinación dun contrato de formación e de aprendizaxe durante nove meses. O investimento na provincia para obradoiros roldou os 6,4 millóns de euros.

Cabe lembrar que a Administración autonómica está a destinar preto de 65 millóns de euros para mellorar a cualificación de case 16.800 persoas desempregadas a través de 1.100 cursos que se levarán a cabo entre 2019 e 2020. En canto aos obradoiros de emprego, entre 2019 e 2020 levaranse a cabo 80 programas mixtos de formación e emprego a través dos que 1.500 desempregados recibirán formación e accederán a un posto de traballo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre