Inicio Galicia Cores Tourís comproba as melloras que se están a executar no parque...

Cores Tourís comproba as melloras que se están a executar no parque empresarial de Castiñeiras en Bueu

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que o concello contou cunha subvención de 74.300 euros procedentes das axudas a parques empresariais da Consellería de Economía


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou as obras de mellora que se están a executar nos viais do parque empresarial de Castiñeiras, no concello de Bueu, levadas a cabo grazas á orde de axudas a polígonos empresariais da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Na visita, Cores Tourís estivo acompañado do alcalde da localidade, Félix Juncal, así como por varios concelleiros da corporación e o xefe territorial de Economía en Pontevedra, Ignacio Rial.

Estes traballos, que están a piques de rematar, contaron cun orzamento total de 92.871 euros, dos cales 74.300 foron aportados pola Consellería de Economía a través da orde de axudas a parques empresariais, unha liña que mobilizou para toda Galicia 5,34 millóns de euros en proxectos para mellorar os parques empresariais de 51 municipios de Galicia. En concreto, a través deste programa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegará 4,05 millóns de euros para a execución dun total de 57 actuacións que permitirán impulsar as infraestruturas dos polígonos.

A maioría dos proxectos aprobados a través desta liña de axudas tiñan como obxectivo mellorar as infraestruturas viarias dos polígonos, como ocorre no caso de Castiñeiras, onde se adecuaron e pavimentaron varias beirarrúas do parque empresarial, así como se executaron outras novas no vial central. En total, acondicionáronse 1.190 metros de infraestruturas viarias.

No caso doutros polígonos beneficiados, desenvolvéronse iniciativas para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, para plantas de depuración de auga, xestión de residuos e colectores con verquido á depuradora municipal ou instalacións contraincendios e contra roubo de cable. Por provincias, dos 57 proxectos incluídos nesta resolución, 10 pertencen a Pontevedra (máis de 0,6M€).

Con estas novas axudas, nas que os Concellos Emprendedores tiveron preferencia, a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e co apoio ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre