Inicio Galicia Cores Tourís comproba as melloras executadas nos viais do parque empresarial de...

Cores Tourís comproba as melloras executadas nos viais do parque empresarial de Catoira

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que o concello contou cunha subvención de 85.510 euros procedentes das axudas a parques empresariais da Consellería de Economía


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou as obras de mellora executadas nos viais do parque empresarial de Catoira, levadas a cabo grazas á orde de axudas a polígonos empresariais da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Na visita, Cores Tourís estivo acompañado do alcalde da localidade, Xoán Xosé Castaño, así como por varios concelleiros da corporación, e polo xefe territorial de Economía en Pontevedra, Ignacio Rial.

Estes traballos, que están a piques de rematar, contaron cun orzamento total de 119.981 euros, dos cales 106.888 eran subvencionables, co que recibiron o 80% (85.510 euros) por parte da Consellería de Economía a través da orde de axudas a parques empresariais, unha liña que mobilizou para toda Galicia 5,34 millóns de euros en proxectos para mellorar os parques empresariais de 51 municipios de Galicia. En concreto, a través deste programa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegará 4,05 millóns de euros para a execución dun total de 57 actuacións que permitirán impulsar as infraestruturas dos polígonos.

A maioría dos proxectos aprobados a través desta liña de axudas tiñan como obxectivo mellorar as infraestruturas viarias dos polígonos, como ocorre no caso de Catoira, onde se dotou de beirarrúas a este parque, dende a estrada autonómica PO-548 ata a glorieta principal do polígono, “dando así unha maior seguridade viaria a quen transita por esta área”, explicou o delegado, quen destacou que en total, executáronse 978 metros lineais de novas infraestruturas viarias. A maiores, baixo as beirarrúas, tamén se instalou unha adecuada rede de saneamento de augas pluviais. Finalmente, pintouse a sinalización horizontal e retranquearonse as sinais verticais existentes nas superficies afectadas polas obras. No caso doutros polígonos beneficiados, desenvolvéronse iniciativas para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, para plantas de depuración de auga, xestión de residuos e colectores con verquido á depuradora municipal ou instalacións contraincendios e contra roubo de cable. Por provincias, dos 57 proxectos incluídos nesta resolución, 10 pertencen a Pontevedra (máis de 0,6M€).

Con estas novas axudas, nas que os Concellos Emprendedores tiveron preferencia, a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e co apoio ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre