Inicio Galicia Cores Tourís comproba as melloras executadas nos polígonos empresariais da Cañiza

Cores Tourís comproba as melloras executadas nos polígonos empresariais da Cañiza

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que o concello contou cunha subvención de 26.705 euros procedentes das axudas a parques empresariais da Consellería de Economía para mellorar as infraestruturas viarias do parque de Uceira


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou as obras de mellora executadas nos dous parques empresariais da Cañiza, Uceira e Ribadil, levadas a cabo grazas á orde de axudas a polígonos empresariais da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Na visita, Cores Tourís estivo acompañado do alcalde da localidade, Luis Piña, así como por varios concelleiros da corporación, entre eles o portavoz do PP na localidade, Miguel Domínguez, e polo xefe territorial de Economía en Pontevedra, Ignacio Rial.

Os traballos executados no parque de Uceira, contaron cun orzamento total de 33.765 euros, dos cales 33.381 eran subvencionables, co que recibiron o 80% (26.705 euros) por parte da Consellería de Economía a través da orde de axudas a parques empresariais, unha liña que mobilizou para toda Galicia 5,34 millóns de euros en proxectos para mellorar os parques empresariais de 51 municipios de Galicia. En concreto, a través deste programa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegará 4,05 millóns de euros para a execución dun total de 57 actuacións que permitirán impulsar as infraestruturas dos polígonos.

O obxecto da actuación foi a execución dunha beirarrúa na zona norte do polígono, na entrada principal. Tamén procedeuse ao pintado da sinalización horizontal nos viais interiores e no vial de entrada da zona este, así como instalouse a sinalización vertical. En total, actuouse sobre 524 metros de infraestrutura viaria.

Por outra banda, este concello tamén conseguiu unha axuda de 21.827 euros para a instalación de cinco hidrantes no polígono industrial de Ribadil, co fin de dotar ao polígono de instalacións de protección contra incendios. O custo total do proxecto foi de 27.284 euros.

Neste polígono xa se investiran, o pasado ano, un total de 68.085 euros, dos cales 54.500 foron aportados pola Consellería de Economía, a través desta mesma liña de axudas, de xeito que se puideron mellorar dous quilómetros e medio de pavimentado dos viais deste polígono que se atopaban cun importante nivel de deterioro.

No caso doutros polígonos beneficiados, desenvolvéronse iniciativas para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, para plantas de depuración de auga, xestión de residuos e colectores con verquido á depuradora municipal ou instalacións contraincendios e contra roubo de cable. Por provincias, dos 57 proxectos incluídos nesta resolución, 10 pertencen a Pontevedra (máis de 0,6M€).

Con estas novas axudas, nas que os Concellos Emprendedores tiveron preferencia, a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e co apoio ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre