Inicio Galicia Cores Tourís clausura o obradoiro ?Coidar de Nós? no que se formaron...

Cores Tourís clausura o obradoiro ?Coidar de Nós? no que se formaron 20 desempregados de Ponteareas e As Neves

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra recordou que a administración autonómica está a destinar preto de 135 millóns de euros para mellorar a cualificación de case 16.800 persoas desempregadas a través de 1.100 cursos que se levarán a cabo entre 2019 e 2020


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, clausurou esta mañá que o obradoiro “Coidar de Nós” no que se formaron 20 desempregados de Ponteareas e As Neves en atención sociosanitaria e xardinería. No acto estivo acompañado do alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, a alcaldesa en funcións de Ponteareas, Cristina Fernández, e do xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial.

O obradoiro conxunto de Ponteareas e As Neves, denominado “Coidar de Nós”, contou con 20 alumnos e unha achega da administración autonómica de 288.807 euros. Estivo centrado en atención sociosanitaria a persoas no domicilio e institucións e en actividade auxiliar en viveiros e mantemento de xardíns, polo que os alumnos realizaron prácticas levando a cabo atención sociosanitaria de persoas dependentes no domicilio e nas propias institucións da localidade, así como rehabilitando e mantendo os espazos verdes municipais.

A principal novidade desta nova modalidade é que os participantes puideron combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas de polo menos tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro: “Tratamos así de combinar formación e aprendizaxe coa oportunidade dunha experiencia laboral”, explicou Cores Tourís. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

Os obradoiros duais forman parte do compromiso da Xunta coa formación, xa que, segundo o delegado territorial, esta é a chave que pode abrir as portas a un futuro de oportunidades laborais. Así, o Goberno galego inviste este ano 135 millóns de euros en medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral, con cursos que se adapten aos novos perfís profesionais e ás demandas e necesidades reais do tecido empresarial.“Con estes obradoiros cumprimos un dobre obxectivo: obter unha maior empregabilidade dos nosos desempregados e facilitar a recuperación do patrimonio cultural e paisaxístico”, engadiu José Manuel Cores Tourís.

O delegado territorial recordou que xa son 4 os obradoiros aprobados dende o ano 2016 en Ponteareas, “o que supón un investimento en formación por parte da Xunta de Galicia que rolda o millón de euros”.

En total, na provincia de Pontevedra desenvolvéronse no presente ano 26 obradoiros, 18 duais e 8 dirixidos a mozos de menos de 25 anos, nos que participaron 487 alumnos. No caso dos obradoiros duais, a novidade foi a combinación dun contrato de formación e de aprendizaxe durante nove meses. O investimento na provincia para obradoiros rondou os 6,4 millóns de euros.

Compre lembrar que a Administración autonómica está a destinar preto de 65 millóns de euros para mellorar a cualificación de case 16.800 persoas desempregadas a través de 1.100 cursos que se levarán a cabo entre 2019 e 2020. En canto aos obradoiros de emprego, entre 2019 e 2020 levaranse a cabo 80 programas mixtos de formación e emprego a través dos cales 1.500 desempregados recibirán formación e accederán a un posto de traballo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre