Inicio Galicia Cores Tourís anuncia a licitación da mellora da seguridade viaria na PO-552...

Cores Tourís anuncia a licitación da mellora da seguridade viaria na PO-552 en Tomiño e Tui

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitou o núcleo de semáforos situado na intersección coa PO-344 en Tomiño


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a PO-552, no punto quilométrico 60+300, na intersección desta estrada coa PO-344 no concello de Tomiño, para anunciar a licitación publicada hoxe no DOG e que permitirá mellorar a seguridade viaria en varios tramos tanto deste concello como no de Tui, cun investimento global de case 548.167 euros aos que se deben sumar outros 66.360 euros destinados á expropiacións.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, así como do xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez, e do xefe da Axencia de Infraestruturas en Pontevedra, Manuel Ángel González Juanatey.

Segundo anunciou Cores Tourís, a Xunta de Galicia publica hoxe a licitación do proxecto do Plan de Seguridade Viaria de Galicia no entorno da estrada PO-552, dende o punto quilométrico 58+300 ao 61+400, e dende o 68+500 ao 69+900.“Este proxecto forma parte da estratexia da Xunta de Galicia para actuar en tódolos treitos de concentración de accidentes rexistrados na Rede Autonómica de Estradas cun investimento global que superará en toda a comunidade autónoma os 15 millóns de euros”, explicou o delegado territorial, quen matizou que no proxecto xa se recolleron as alegacións de particulares e do propio concello de Tomiño, “o que permitu reducir o impacto da actuación, dado que o treito inicial é coincidente co desdobramento da PO-552 entre Estás e Goián”.

Deste xeito, executarase unha glorieta na intersección da PO-552 coa estrada PO-344 no concello de Tomiño, entre os puntos quilométricos 60+300 e 60+700; e mellorarase a intersección do punto quilométrico 69+150 nese mesmo tramo, en Forcadela.

No caso de Tui, o delegado destacou que se executará unha glorieta no entorno da reitoral de Areas, no punto quilométrico 71, na intersección coa estrada PO-350. Tamén se executarán beirarrúas en varios puntos onde non existen nestes intres, garantindo así a seguridade viaria dos peóns. Estas dúas rotondas terán un diámetro de 34 metros.

Estas tres glorietas complementaranse con outras medidas como a reordenación dos pasos de peóns, reubicándoos e adaptándoos á nova configuración das interseccións. Reforzarase a iluminación específica para estes pasos con sistemas de detección de peóns por parte dos condutores e tamén para as glorietas coa instalación de báculos perimetrais. Ademais, crearanse beirarrúas no perímetro das novas glorietas e reubicaranse as paradas de bus, dotándoas tamén de novas marquesiñas. As obras remataranse co reforzo e redeseño das sinalizacións e dos balizamentos e coa extensión dunha nova capa de rodadura.

As empresas interesadas contarán con 26 días para presentar as súas ofertas. Os traballos contarán cun prazo de execución de doce meses.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre