Inicio Galicia Convocado ?Aventúrate con Galicia?, o programa da Secretaría Xeral da Emigración que...

Convocado ?Aventúrate con Galicia?, o programa da Secretaría Xeral da Emigración que pon a disposición da mocidade galega do exterior medio cento de prazas en campamentos de xuventude

0

A iniciativa, organizada por Emigración coa colaboración da Consellería de Política Social, ofrece a rapazas e rapaces galegos da diáspora de entre 15 e 17 anos a posibilidade de elixir unha das tres modalidades de actividades


A Secretaría Xeral da Emigración publica hoxe a resolución pola que se convoca unha nova edición do programa Aventúrate con Galicia, dirixido a mozos e mozas con orixes en Galicia residentes no exterior, realizado coa colaboración da Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. O obxectivo desta iniciativa do Goberno galego é facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares a través da posta á disposición dos beneficiarios de medio cento de prazas en campamentos xuvenís na Galicia territorial.

Son tres as modalidades nas que se desenvolve o programa. A primeira, actividades no mar, ten como sede o albergue xuvenil de Gandarío, e para el convócanse 20 prazas. A segunda, de actividades de natureza, ambiente e mar, ten un número similar de prazas e desenvolverase no Albergue Xuvenil de Area, en Viveiro. E a terceira, que leva por nome Aventura T, ten 10 prazas e realízase no Campamento Xuvenil de Chacotes (Palas de Rei). Os tres centros dependen da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

Segundo se estipula na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), que especifica a documentación a presentar polas e polos solicitantes, e os detalles do desenvolvemento do programa, o prazo para a presentación de solicitudes remata o 5 de maio.

A Xunta pon a disposición das persoas beneficiarias os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís, Así como o programa de actividades de tempo libre que se desenvolverá durante a súa estadía. Igualmente, responsabilízase do desprazamento dos beneficiarios e beneficiarias desde o aeroporto ou estación correspondente ata a instalación base das actividades.

Pola súa parte, cada unha das persoas beneficiarias farase cargo da organización e pagamento dos custos da súa viaxe de ida e de volta aos seus lugares de residencia ata e desde Galicia. Igualmente realizará as xestións necesarias para a saída e a entrada ao país, tales como visados ou pagamento de taxas.

Fomentar a convivenciaO programa Aventúrate con Galicia complementa outros dirixidos á mocidade que Emigración vén desenvolvendo desde hai anos, tales como Conecta con Galicia, Escolas Abertas, ou os distintos obradoiros e cursos que organiza para a formación das segundas xeracións dos galegos e galegas no exterior. Hoxe en día estas supoñen máis do 70% do total dos galegos residentes no exterior, xa que menos do 30% foron nados na Galicia territorial, segundos os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE) a data 1 de xaneiro de 2019.

As datas de realización destas actividades serán as comprendidas entre os días 19 e 28 de xullo de 2019, e van dirixidas a mozos e mozas residentes fóra de Galicia con idades comprendidas entre os 15 e os 17 anos de idade. Todo o programa, como ao igual que o resto de medidas que desenvolve Emigración, busca fomentar a convivencia entre as mozas e mozos galegos residentes no exterior e os residentes na Galicia territorial.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre