Inicio Galicia Convocadas as axudas para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas e tecnoloxías...

Convocadas as axudas para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas e tecnoloxías nos sectores alimentario, agrícola e forestal

0

O DOG publica hoxe a orde de achegas da Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (Agacal), que conta cun orzamento de 2,32 millóns de euros deica o ano 2022

A Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, convoca hoxe as axudas para o apoio de proxectos piloto de desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal. Estas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), contan cun orzamento de 2,32 millóns de euros en tres anualidades, distribuídos do seguinte xeito: 696.000 euros en 2020, 1,16 millóns de euros en 2021 e 464.000 euros no ano 2022.

Esta orde ten por obxecto fomentar a innovación no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal mediante a incorporación de novidades ou coa aplicación de produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías xa existentes onde tradicionalmente non se utilizaban.

Os beneficiarios poden ser organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura, gandería ou silvicultura e empresas ou industrias transformadoras destes sectores, así como da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal. Na realización das actividades subvencionadas poderán participar ademais, como axentes cooperantes, produtores e outras entidades relacionadas co sector agroforestal, centros de investigación e experimentación de carácter público e entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como entidades que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal, entre outras.

Na acción de cooperación deberán intervir como mínimo dous actores e, cando menos, un deles debe ser un dos indicados como beneficiarios e outro, un dos axentes cooperantes aos que se fixo referencia.

En canto ás accións subvencionables, as áreas prioritarias de actuación son a xestión sustentable dos recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, a industria e cadea agroalimentaria, a bioeconomía e a aplicación das tecnoloxías da información e comunicación ao sector. Como máximo, estas iniciativas de cooperación poden durar tres anualidades e un mínimo de dúas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a contar dende mañá, sempre a través de medios electrónicos, nos termos previstos nas bases reguladoras.

O enlace á orde no DOG:https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200213/AnuncioG0528-301219-0001_gl.html

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre