Inicio Galicia Conde sinala en Bruxelas a posición avantaxada da automoción galega na mobilidade...

Conde sinala en Bruxelas a posición avantaxada da automoción galega na mobilidade autónoma e sustentable

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apunta que Galicia está sabendo responder de forma coordinada aos novos retos aos que se presentan, baseando a súa competitividade na innovación


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe en Bruxelas, no marco do I Cumio sobre o futuro da mobilidade autónoma organizado polo Comité Europeo das Rexións, a posición avantaxada da automoción galega no eido da mobilidade autónoma e sustentable. Conde apuntou que o sector está a basear a súa competitividade na innovación, que permite avanzar na introdución do vehículo eléctrico e autónomo, e sinalou que Galicia está sabendo responder de forma coordinada aos novos retos.

Así, lembrou que en 2015 Galicia foi a primeira Comunidade autónoma en probar un vehículo sen condutor e que Vigo acolleu este mesmo verán unha demostración pioneira en Europa de como a conectividade pode mellorar a condución automatizada en escenarios urbanos. Este ano tamén se desenvolveu a primeira proba de roaming 5G a nivel mundial entre Galicia e Norte de Portugal. Ademais, o conselleiro recordou que PSA en Vigo xa se ten adherido á aposta polo crecemento, garantindo unha transición eléctrica que inclúe novos prototipos e a produción de vehículos 100% eléctricos a partir do ano que vén.

Entre outros proxectos, Conde lembrou que a automoción galega traballa na implantación da fábrica intelixente; no desenvolvemento da aceleradora Business Factory Auto, que está a reforzar o ecosistema emprendedor en torno ao sector; ou no desenvolvemento de innovacións como o sistema HMI (Human Machine Interface), con solucións de control para a condución autónoma, e diferentes Unidades Mixtas nas que colaboran empresas e centros de coñecemento.

Tamén mencionou o proxecto que forma parte da exposición que se desenvolve de xeito paralelo ao cumio, Siscoga, desenvolto polo CTAG e a Dirección General de Tráfico (DGT) co apoio da Xunta e destinado a crear unha infraestrutura viaria intelixente entre Vigo e Porto.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria incidiu en que a comprensión dos desafíos permite reaccionar de maneira máis efectiva e inmediata, ofrecendo unha resposta exemplar e coordinada de todos os actores. Así, Conde fixo fincapé en que en Galicia se cre firmemente na necesidade dun traballo conxunto que fomente a cultura da innovación e o compromiso mutuo e os axentes clave do sector, entre os que citou ao Centro Tecnolóxico da Automoción (CTAG) e ao clúster, CEAGA, apuntando á necesaria colaboración entre o ámbito público e o privado nun sector estratéxico para Galicia. Así, a automoción representa o 13% do emprego industrial da comunidade, sumando o 13,5% do PIB e facturando máis de 8.650 millóns de euros só o ano pasado.

Por outra banda, o conselleiro apelou a que as regulacións deben favorecer un modelo industrial que permita a incorporación de vehículos eléctricos e autónomos. Máis concretamente, sinalou a necesidade de desenvolver unha normativa que contemple a concepción do vehículo autónomo, chamando á responsabilidade de construtoras e usuarios e cooperando coas aseguradoras para blindar aos condutores.

Isto inclúe, segundo sinalou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, apostar pola seguridade como unha prioridade ineludible, cos vehículos intelixentes como resposta tecnoloxizada aos retos, aproveitar os datos ofrecidos polo 5G e a conectividade para desenvolver garantías de seguridade, e ofrecer un papel determinante á intelixencia artificial para identificar costumes dos usuarios e reaccionar eficientemente.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre