Inicio Galicia Conde sinala a formación como a clave para abrir novas oportunidades laborais...

Conde sinala a formación como a clave para abrir novas oportunidades laborais e dinamizar o rural galego

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Abegondo ao inicio do obradoiro dual de emprego ‘Reserva da biosfera: emprego no rural’

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Abegondo ao inicio do obradoiro dual de emprego Reserva da biosfera: emprego no rural, promovido polo concello de Abegondo xunto cos de Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras, Paderne e Sada. Na súa intervención asegurou que a formación é a clave para abrir novas oportunidades laborais e dinamizar o rural galego: “Con formación o camiño é máis sinxelo”, apuntou o conselleiro.

Conde referiuse a esta iniciativa como “de excelencia” xa que é a terceira edición como obradoiro e, anteriormente, celebráronse cinco como programa integrado de emprego en torno, tamén, a esta reserva da biosfera das Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo. Durante os próximos 9 meses un total de 20 alumnos recibirán formación teórico práctica nas especialidades de fruticultura e actividades auxiliares de viveiros, xardíns e centros de xardinaría e realizarán, de xeito paralelo servizos de interese xeral para os concellos participantes como mantemento de árbores froiteiras ou conservación de áreas recreativas e espazos verdes. O alumnado poderá optar, ademais, a tres meses de contrato laboral.

Este é un dos 77 obradoiros de emprego -entre duais e xuvenís- que comezaron este curso en Galicia co obxectivo de mellorar a empregabilidade de 1432 persoas cun investimento de 22,3M€ e enmárcase no compromiso da Xunta por contar cunha Galicia máis preparada, capaz de afrontar os retos do futuro. Así os orzamento de 2020 reservan máis de 260M€ a este obxectivo, dos que 66 se destinan ao Plan Galego de Formación, impulsando unha formación dual e flexible, axustada ás necesidades do tecido produtivo.

Conde agradeceu aos concellos a súa participación neste obradoiro, a súa visión de colaboración para abrir novas oportunidades nesta reserva da biosfera e explicou que este obradoiro ten un dobre obxectivo: traballar por unha Galicia máis preparada, pero tamén polo rural e por unha Galicia máis verde: “O rural ten a súa oportunidade na economía actual e, entre todos, temos que apoiar este tipo de iniciativas”, afirmou.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre