Inicio Galicia Conde presenta ás pemes das Pontes axudas por máis de 100 M?...

Conde presenta ás pemes das Pontes axudas por máis de 100 M? que se poñen en marcha no primeiro trimestre do ano para impulsar a competitividade empresarial e o emprego

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou nun encontro no que puido escoitar de primeira man as súas inquedanzas e propostas


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe nas Pontes un encontro con empresarios e autónomos da zona, no que puido tanto escoitar de primeira man as súas inquedanzas e propostas como presentarlles as diferentes liñas de axuda para impulsar a competitividade empresarial e a creación de emprego e que se porán en marcha ou que están xa activas, e que neste primeiro trimestre suman máis de 100 millóns de euros. Así, entre estes programas atópanse convocatorias centradas na incorporación de novas tecnoloxías, a internacionalización empresarial, a eficiencia enerxética e o fomento do emprendemento e a atención aos autónomos, así como o impulso ao emprego.

O conselleiro salientou que unha das prioridades da Xunta, materializada a través da Lei de implantación empresarial, é facilitar ao máximo a actividade das empresas a través da simplificación administrativa e con bonificacións fiscais, que se amplían no caso de que esas empresas estean asentadas nun Concello Emprendedor. Conde subliñou que contan xa con esta distinción 28 municipios da provincia, dos que seis (Ares, Cabanas, Cerdido, Fene, Narón e Neda) pertencen ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Tal e como apuntou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, outra das prioridades da Lei de implantación empresarial é facilitar o acceso ao solo. Neste ámbito, a Xunta está a ofrecer máis de 1,25 millóns de metros cadrados de solo empresarial en Galicia con bonificacións que nesta zona en concreto chegan ata o 50% no prezo de venda.

Así, a través do concurso público que ten activado Xestur, en Ferrol, Eume e Ortegal ofrécense máis de 90.000 m2 repartidos en 80 parcelas: 44 parcelas no parque empresarial de Ortigueira, cunha superficie total de máis de 52.000 m2; e 36 parcelas en Cedeira, que suman preto de 38.700 m2. Ademais, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) dispón de solo empresarial en Pontedeume e nas Somozas susceptible de ser adxudicado en calquera momento en réxime de compravenda bonificada ou en dereito de superficie.

Programas para a contratación indefinidaEntre as principais liñas de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria xa publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) atópanse, en materia laboral, un programa de apoios para a promoción do emprego autónomo, incluíndo a contratación indefinida de persoas asalariadas, e para a consolidación de pemes de nova creación e de base tecnolóxica, ás que se destinan máis de 14 millóns de euros.

Tamén está activo o programa Galicia Inviste, dotado con 9 millóns de euros, co que se busca apoiar a 140 novas pemes a obter o financiamento que precisan para a realización de investimentos. Esta iniciativa mobilizará 40 millóns de euros e pode cubrir ata o 30% do investimento, no caso das pequenas empresas. Ata o de agora, entre este programa e os Incentivos Rexionais, téñense apoiado 170 proxectos que dan emprego a 2.500 persoas.

A estas axudas, hai que sumar as medidas coas que se apoia o esforzo que está a facer o tecido empresarial para a súa modernización. En concreto, son 50 millóns de euros que se van mobilizar a través de tres convocatorias xa abertas: o programa de dixitalización do Igape; a terceira convocatoria da Fábrica Intelixente, destinada a proxectos de innovación en pequenas e medianas empresa; e o programa Innova Peme.

Ademais, este ano a Xunta vai destinar 14,6 millóns de euros ao sector comercial para beneficiar a máis de 6.000 establecementos galegos con axudas dirixidas tanto á dinamización comercial das vilas como á modernización e dixitalización do comercio de proximidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre