Inicio Galicia Conde presenta ao tecido empresarial e industrial de Arteixo as medidas e...

Conde presenta ao tecido empresarial e industrial de Arteixo as medidas e servizos da Xunta para apoiar a súa actividade

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe nun networking no que escoitou as suxestións dos empresarios, emprendedores e comerciantes deste concello

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Arteixo a un networking con empresarios e comerciantes da zona enmarcado na rolda que está a realizar para presentar a estes colectivos as medidas e servizos que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ofrece para impulsar a súa actividade, tanto no relativo aos novos negocios como para apoiar os que xa están en marcha.

No encontro, Conde destacou o peso do municipio de Arteixo na economía galega ao contar cun dos polígonos industriais máis importantes da Comunidade, o de Sabón, que alberga máis dun centenar de empresas que dan emprego a 4500 persoas de xeito directo. Ao mesmo tempo, referiuse á Lei de implantación empresarial na que precisamente estes parques teñen un protagonismo especial.

Tal e como lembrou o conselleiro, esta normativa aporta vantaxes para o desenvolvemento de iniciativas empresariais e industriais en Galicia. Así, as compañías interesadas en implantarse na Comunidade contarán cunha maior simplificación administrativa, máis facilidades no acceso ao solo industrial e máis incentivos fiscais. Neste sentido, insistiu no importante papel que teñen os Concellos Emprendedores para conseguir estes obxectivos.

Ao longo do encontro, os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer os servizos e axudas que ofrece a Consellería en materia de emprego e comercio, así como os apoios de Igape, tanto desde o punto de vista do nacemento dunha idea ata a decisión de crear unha compañía, como para a súa consolidación e posterior internacionalización. Así, en materia de financiamento, a Xunta puxo en marcha unha nova edición do programa Galicia 1000 co que se pretende chegar a máis de 3000 empresas e mobilizar 500 millóns de euros en proxectos.

Ao longo da reunión tamén se explicaron polo miúdo os apoios activados en materia de emprego -xa van máis de 66 millóns de euros no que vai de ano en ordes destinadas a autónomos, contratación en pemes, e unidades formativas para ocupados e desempregados-; e os apoios que a Xunta puxo este ano en marcha dirixidos ao pequeno comercio e, en concreto, os dirixidos ao asociacionismo comercial para optar aos 2,5 millóns de euros destinados tanto á dinamización comercial, fidelización e mellora da competitividade de centros comerciais abertos e asociacións de praceiros, como para a revitalización do comercio a través de apoios a asociacións de ámbito superior ao municipal ou federacións. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre