Inicio Galicia Conde pon en valor o talento das mulleres para liderar a recuperación...

Conde pon en valor o talento das mulleres para liderar a recuperación económica e acadar unha Galicia máis feminina

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Lugo nun networking con motivo do programa Son Executiva no que participan 400 mulleres co obxectivo de impulsar os seus proxectos empresariais

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Lugo a aposta da Xunta de Galicia polo talento das mulleres para acadar unha Galicia máis feminina. Participou nun networking do programa autonómico Son Executiva, no que 400 mulleres están a mellorar as súas habilidades, a través da formación, para poñer en marcha ou reforzar os seus proxectos empresariais. A iniciativa diríxese tanto a directivas, profesionais con experiencia e empresarias en activo, como a mulleres que acaban de obter o seu título universitario ou de FP.

Conde sinalou que as emprendedoras e autónomas galegas teñen que seguir a liderar a actividade profesional para contribuír á reactivación económica. Para iso, indicou a importancia de fortalecer a posta en marcha de medidas encamiñadas a rebaixar a fenda salarial, potenciar a presenza feminina en postos de responsabilidade e facilitar a conciliación.

O titular de Economía puxo en valor o talento feminino galego lembrando que 1 de cada 3 postos directivos en Galicia están ocupados por mulleres e que preto do 60% da actividade emprendedora está encabezada por iniciativas impulsadas por mulleres. Así mesmo, resaltou que Galicia conta co maior porcentaxe de autónomas de todo o país (41,2%).

Apuntou, ademais, que unha Galicia que aposta polas mulleres emprendedoras está a apostar pola diversidade, a creatividade e polo seu empoderamento, ao tempo que destacou a importancia de reforzar os programas de conciliación e alimentar unha cultura de maior corresponsabilidade que faga da conciliación un traballo compartido.

Para rematar, Conde afirmou que con medidas nacidas do consenso fomentarase un tecido empresarial máis dinámico, máis innovador e, polo tanto, mellor.

Son Executiva enmárcase no programa Emprega en feminino da Xunta de Galicia que ten como obxectivo habilitar as condicións laborais idóneas para que as emprendedoras e autónomas traballen sen restricións. É un programa gratuíto de formación e coaching que busca potenciar o liderado feminino no ámbito empresarial.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre