Inicio Galicia Conde pon en valor o obradoiro dual de emprego de Monforte pola...

Conde pon en valor o obradoiro dual de emprego de Monforte pola súa especialización que contribúe a ter unha Galicia máis preparada

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe na localidade lucense aos 20 alumnos e alumnas que se formaron e accederon a un posto de traballo en albanelería e construción

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Monforte de Lemos, na visita que realizou ao obradoiro dual, a importancia deste tipo de programas de formación e emprego porque grazas a súa especialización e á formación flexible e á carta que ofrecen están contribuíndo a ter unha Galicia máis preparada.

Na iniciativa están a participar 20 alumnos e alumnas que están recibindo cualificación, ao tempo que acceden a un posto de traballo, nas especialidades de albanelería e operacións auxiliares de revestimento continuo en construción. Unha vez que rematen o obradoiro, que conta con nove meses de duración, terán, ademais, a posibilidade de acceder a un contrato laboral nunha empresa da contorna durante tres meses máis, como mínimo, grazas á dualidade do obradoiro.

A formación que están recibindo estalles permitindo, ademais, acondicionar a antiga sede da escola-taller, próxima ao instituto da Pinguela, para ofrecer un novo centro de formación ocupacional. En concreto, os alumnos e alumnas retiraron as casetas actuais, habilitaron dúas novas aulas e unha sala de reunións e proxectaron que unha destas aulas se conciba como unha sala especializada en TICs.

Conde sinalou que a formación para o emprego é prioritaria para contar cunha Galicia e cun Monforte máis preparados a través dos cursos formativos e dos obradoiros que se están ofrecendo. A Xunta, desde 2009, leva investidos en programas de formación en Monforte máis de 7,6 millóns de euros, o que permitiu incrementar as oportunidades laborais de 2100 alumnos e alumnas. Grazas a estes programas, fixéronse, ademais, traballos en beneficio de Monforte: mellorouse o paseo fluvial, habilitáronse zonas verdes entre Cobas e a lagoa da Pinguela, renovouse a carpintería de varios edificios, así como de bancos, columnas ou esculturas e instaláronse lousas na rúa Santa Clara, entre outros.

En palabras de Conde, os programas de formación dual, flexibles e á carta, como é o caso dos obradoiros de emprego, permiten ofrecen novas oportunidades de traballo a aquelas persoas que non contan cunha formación académica suficiente e aos que queren multiplicar as súas opcións recibindo unha mellor especialización.

Así, indicou que a Administración galega seguirá ampliando a oferta formativa, respondendo ás esixencias do tecido empresarial, adaptando a formación ás súas necesidades reais e traballando cos axentes locais -como é o caso do Concello de Monforte- para que os galegos sen emprego poidan dispoñer das mellores condicións para acceder e consolidarse no mercado de traballo.

Así, a Xunta porá en marcha en 2019/2020 e, por segundo ano consecutivo, estes programas cun orzamento de 21 millóns de euros para poder beneficiar a 1200 persoas sen emprego. Primaranse os obradoiros forestais e no acceso a este programa terán preferencia emigrantes retornados, desempregados maiores de 45 anos e mulleres. Así mesmo, tamén desenvolveranse obradoiros específicos para menores de 30 anos, os que forman parte do sistema de Garantía Xuvenil.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre