Inicio Galicia Conde destaca que o emprendemento innovador será clave para que Ferrolterra saia...

Conde destaca que o emprendemento innovador será clave para que Ferrolterra saia fortalecida dos retos aos que se enfronta

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinala na entrega dos VI Premios Ferrolterra Emprende que a Xunta busca ser unha aliada dos emprendedores e consolidar Galicia como unha terra de oportunidades

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe durante a súa intervención na entrega dos VI Premios Ferrolterra Emprende que o emprendemento innovador será unha das claves para que esta comarca saia fortalecida dos retos aos que se enfronta en sectores como o enerxético ou o naval.

O conselleiro apuntou que os emprendedores e emprendedoras son unha peza fundamental do movemento que está a transformar Galicia. Así, segundo o último informe GEM, a porcentaxe de poboación que iniciou ou se atopa nos primeiros anos dun proxecto empresarial acadou en 2018 o 5,6% do total dos habitantes de Galicia, superando en máis de medio punto a cifra de 2017 (5,06%). Ademais, catro de cada dez (o 37,8%) das iniciativas emprendedoras incipientes realizan actividades innovadoras, o que revela o incremento con respecto a 2017 cando foi do 23,1%, e a porcentaxe dos proxectos empresariais que exportan subiu ata o 32%. O crecemento desta cifra está liderado pola iniciativa feminina, e así, en máis do 57% dos casos a persoa que decide iniciar unha nova iniciativa empresarial é unha muller.

De xaneiro a novembro creáronse 134 novas empresas nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, o que supón, segundo sinalou Francisco Conde, “134 novas apostas por crear emprego e riqueza nesta comarca”. O conselleiro apuntou que detrás destas cifras hai moitas horas de traballo e, por iso, agradeceu a AJE Ferrolterra o seu labor de apoio aos emprendedores.

Conde destacou que a Xunta quere ser unha aliada dos emprendedores e consolidar Galicia como unha terra de oportunidades. Para conseguilo, púxose en marcha a Lei de implantación empresarial, que achega máis simplificación administrativa, máis incentivos fiscais e máis facilidades para acceder ao solo. Ademais, a través da plataforma StartIN Galicia, a rede galega de aceleradoras, achegouse un apoio integral a máis de 1000 proxectos nos últimos cinco anos, e ponse a disposición dos novos empresarios o financiamento e os recursos necesarios, a través de programas de axudas como o Galicia Emprende e diferentes liñas de préstamos e avais. O conselleiro apuntou que para lograr unha Galicia máis forte no económico e no social, e tamén unha Galicia máis igualitaria e máis sustentable é clave o acordo asinado entre Xunta, UGT, Comisións Obreiras e a Confederación de Empresarios de Galicia no marco do Diálogo Social. Entre os distintos compromisos alcanzados, poñerase en marcha unha Axenda de transición enerxética xusta e ordenada, que buscará contar co maior consenso social.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre