Inicio Galicia Conde destaca que a biotecnoloxía galega se sitúa como unha referencia grazas...

Conde destaca que a biotecnoloxía galega se sitúa como unha referencia grazas a proxectos como a primeira incubadora de fármacos de España

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela na presentación dos proxectos seleccionados entre os 157 presentados na iniciativa impulsada pola Xunta, a Fundación Kaertor e a empresa Janssen

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Santiago de Compostela que a biotecnoloxía galega se sitúa como unha referencia, e segue escalando posicións, grazas a proxectos como a primeira incubadora de fármacos de España que a Xunta desenvolve xunto coa Fundación Kaertor e Janssen e da que hoxe se presentaron os tres proxectos seleccionados.

Trátase de iniciativas para desenvolver tratamentos contra o alzhéimer (promovidos pola empresa vasca Quimatryx), o párkinson (da Universidade Complutense) e para o cancro hepático (Centro Nacional de Investigacións cardiovasculares do Instituto Carlos III de Madrid). Conde puxo en valor o interese que o proxecto espertou, xa que se presentaron 157 proxectos, dos que o 40% estaban centrados no ámbito da oncoloxía e o 20% na neuroloxía e salientou a presenza tanto nacional como internacional nas propostas.

Neste sentido, explicou que en Galicia hai canteira e que as iniciativas presentadas non quedarán á marxe da Fundación Kaertor xa que pasarán a formar parte da súa carteira de proxectos.

Leer más:  Este miércoles en Vigo se está llevando a cabo el juicio de dos personas acusadas de defraudar más de 80.000 euros mediante la venta de equipos médicos

Na súa intervención, o conselleiro destacou a aposta do Goberno galego pola promoción da innovación aberta e da colaboración público privada co obxectivo de que a ciencia saia dos laboratorios e teña repercusión na industria e no día a día, e especialmente incidiu no interese por impulsar o sector da biotecnoloxía na Comunidade.

Así, Galicia conta desde 2016 coa Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía que xa leva executado o 54% do seu orzamento -ao que se destina un total de 200 millóns de euros-. Neste período apoiáronse 300 proxectos e incrementouse tanto a facturación anual -nun 10%- como os postos de traballo -nun 9,5%-. Conde rematou agradecendo tanto á Fundación Kaertor como a Janssen a súa contribución neste eido para facer de Galicia un referente.


- Te recomendamos -