Inicio Galicia Conde destaca que a BFAero contribuirá a crear e consolidar un tecido...

Conde destaca que a BFAero contribuirá a crear e consolidar un tecido empresarial e industrial sólido en torno ao polo aeroespacial de Galicia

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Lugo no acto de benvida dos proxectos que, desde hoxe, participan na primeira aceleradora aeronáutica de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá na xornada de benvida da BFAero, acto que marca a posta en marcha da primeira aceleradora aeronáutica de Galicia coa participación de cinco proxectos. Conde subliñou que esta nova iniciativa de emprendemento innovador contribuirá a crear e consolidar un tecido empresarial e industrial sólido en torno ao polo aeroespacial de Galicia.

A BFAero é unha iniciativa de innovación aberta promovida desde a Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria que conta coa colaboración de Indra, Babcock, pequenas e medianas empresas do sector, as universidades galegas e entidades como o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), o Consorcio Aeronáutico de Galicia e a Fundación CEL, que se encargará da xestión operativa.

Enmarcada na aposta de Galicia polo sector aeronáutico e, en concreto, no impulso ao polo aeroespacial da Comunidade, a iniciativa pretende seleccionar, incubar e acelerar novas empresas que acheguen solucións innovadoras a esta industria e, en concreto, á dos vehículos aéreos non tripulados, atraendo e retendo, deste xeito, talento de primeiro nivel a este sector. O obxectivo é facer de Galicia un referente nesta industria, xa que tal e como sinalou o conselleiro, a Comunidade ten unha grande oportunidade para crecer e diferenciarse grazas ao desenvolvemento deste sector.

As empresas seleccionadas accederán, a partir de hoxe, a financiamento, plans de formación adaptados, acompañamento de mentores, servizo de asesoramento técnico e poderán utilizar as instalacións do aeródromo de Rozas. Está prevista a realización doutras dúas convocatorias máis ata 2021 dando soporte a un total de 19 empresas.

ProxectosA iniciativa recibiu 54 solicitudes das que finalmente cinco participarán nela. Trátase do proxecto de Aeromedia que pretende desenvolver un UAV para realizar fotografías das tres palas dun eólico polo anverso e reverso sen necesidade de parada; unha iniciativa de propulsión con células de combustible de hidróxeno como alternativa ás baterías en UAVs de ata 25Kg que realizará H2 Dron Energy Galicia; a Universidade de Vigo que traballará no desenvolvemento de sistemas para tarefas de inspección non destrutiva detección e identificación con sensórica activa e pasiva; Lupeon ten por obxectivo reducir o peso dos UAVs para conseguir maior autonomía de voo; e a iniciativa de UAV Works Group para desenvolver unha aeronave convertible. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre