Inicio Galicia Conde destaca o compromiso da Xunta coa eficiencia enerxética a través de...

Conde destaca o compromiso da Xunta coa eficiencia enerxética a través de catro liñas de axudas que este ano suman 16M?

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Pontevedra na xornada ‘A transición cara a un modelo enerxético máis sustentable’ coa que se conmemora o Día Mundial da Eficiencia Enerxética que se celebra mañá

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Pontevedra que Galicia conta cunha transición enerxética “planificada, dialogada e responsable” a través do desenvolvemento de medidas que forman parte das Directrices Enerxéticas 2018-2020. Conde fixo balance das actuacións que está a poñer en marcha Galicia neste eido e sinalou as perspectivas de futuro na xornada A transición cara a un modelo enerxético máis sustentable, organizada pola Xunta, a través do Instituto Enerxético de Galicia, para conmemorar o Día Mundial da Eficiencia Enerxética que se celebra mañá.

Neste sentido, subliñou que, no eido da eficiencia enerxética, a Consellería de Economía, Emprego e Industria conta este ano con catro liñas de axudas cun importe de 16,1 millóns de euros para favorecer este ámbito en toda a economía: no eido industrial, nas administracións públicas e nos fogares. Trátanse de apoios para impulsar o desenvolvemento de proxectos vinculados á biomasa, aerotermia, xeotermia e á enerxía fotovoltaica para facilitar o seu investimento.

Conde tamén indicou que as Directrices Enerxéticas 2018-2020 teñen como obxectivo principal unha xeración de emprego sostido de 12.000 postos de traballo e un investimento público-privado de máis de 3000 millóns de euros. O reto, segundo subliñou o conselleiro, é acadar un aforro e unha eficiencia enerxética desenvolvendo medidas para o eido industrial, as pequenas e medianas empresas, os consumidores e familias e as administracións públicas e seguir impulsando as enerxías renovables.

Ao respecto, resaltou que Galicia aumentou na última década a súa capacidade instalada en renovables en 754MW e sinalou que na actualidade se están a desenvolver novos proxectos. Puxo en valor que na Comunidade están en construción 16 parques eólicos, aos que se suma a planta de biomasa eléctrica de 50MW en Curtis.

O conselleiro afirmou que en Galicia a aposta pola enerxías renovables é clara e apuntou que a Xunta segue traballando nunha economía verde. De feito, indicou que a Comunidade galega cumpriu en 2018 o obxectivo de consumo de renovables fixado pola UE para 2030 nun 32%. Galicia xa consumiu o 35% de renovables e está duplicando o consumo que se produce en España e na UE. “Estamos por diante da UE e da media española e entendemos que temos que seguir nesta dinámica”, subliñou.

En palabras de Conde, a transición ecolóxica e enerxética ten que ser “gradual, sometida a un diálogo e consenso co sector industrial e compatible coas súas necesidades”. Para rematar, afirmou que “Galicia seguirá apostando polas enerxías renovables, a través do desenvolvemento do sector eólico, da biomasa e da hidráulica, un camiño que ten que ser compatible cunha aposta pola industria e que permita unha axenda industrial que fortaleza aos sectores produtivos a través dun acceso ás enerxías”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre