Inicio Galicia Conde destaca en Vigo o valor dos centros tecnolóxicos como transmisores de...

Conde destaca en Vigo o valor dos centros tecnolóxicos como transmisores de coñecemento e sinala a Gradiant como exemplo deste reforzo á innovación

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións de Gradiant, un encontro enmarcado no compromiso da Xunta por visitar os centros tecnolóxicos de Galicia para facer balance dos programas de apoio ao sector


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe en Vigo as instalacións do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións (Gradiant), un dos principais actores galegos en materia de I+D+i na ciberseguridade, responsable da única rede nacional de excelencia dentro deste sector.

Neste senso, Gradiant, que multiplicou por cinco o seu cadro de persoal na última década, colabora con Telefónica na Unidade Mixta de Investigación Irmás, que deu como resultado a creación de TEGRA, o primeiro centro de ciberseguridade de Galicia; tamén conta con participación nos dous Hubs actualmente constituídos (o Datalife, liderado por Bioga, e a Fábrica do futuro, rexido por Ceaga); e participa na aceleradora BFAero, enmarcado no Polo Aeroespacial de Galicia.

Esta visita concrétase dentro do compromiso da Xunta de acudir aos centros tecnolóxicos de Galicia para avaliar de primeira man os proxectos tecnolóxicos dos seus investigadores e para identificar propostas de cara ao futuro, situando o foco sobre o papel fundamental que xogan á hora de definir a nova orde dixital. A este respecto, Conde salientou a importancia dos centros destas características na transferencia de coñecemento aos mercados, nun dos obxectivos da Administración: contar cunha Galicia máis innovadora.

Así, a Xunta mantén aberto o seu apoio á Industria 4.0 como parte da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, que inclúe unha nova edición das axudas para equipamentos dos centros tecnolóxicos, dotadas con 5 millóns de euros, e que servirán para fortalecer estes espazos de investigación mediante estruturas orientadas á mellora da excelencia innovadora e das súas tarefas de transferencia de coñecemento ao tecido produtivo.

Deste modo, o titular de Economía, Emprego e Industria destacou a importancia desta transferencia como reforzo para o sector das TIC e como catalizador do desenvolvemento económico, industrial e social, vertebrando un valor diferenciador fundamentado sobre a dixitalización, a internacionalización da produción e a colaboración co ecosistema galego de I+D+i. “O acompañamento que os centros tecnolóxicos fan dos distintos proxectos permítenos estar á vangarda industrial e xerar valor engadido, como os proxectos de 5G”, matizou o conselleiro.

Gradiant ten recibido axudas por 20 millóns de euros a través de contratos-programa ou a través da participación de subcontratas, ben directamente, pola súa colaboración coa Xunta, ou ben indirectamente, a través doutras empresas.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre