Inicio Galicia Conde defende a necesidade de traballar desde a unidade de acción para...

Conde defende a necesidade de traballar desde a unidade de acción para saír reforzados da pandemia e deseñar a Galicia de 2030

0

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, aposta na Comisión sobre a reactivación económica, social e cultural por traballar por unha Galicia máis verde e dixital

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, apelou hoxe no Parlamento a actuar desde a unidade de acción, non só para paliar os efectos da crise da covid-19, senón tamén para deseñar a Galicia de 2030 de acordo aos obxectivos marcados: unha transformación económica, social e cultural para alcanzar unha Galicia máis verde e dixital.

Conde abriu hoxe as comparecencias da Comisión non permanente especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da covid-19, onde sinalou que entre todos se debe crear un entorno favorable para que a economía galega poida saír fortalecida. Neste ámbito situou a futura Lei de reactivación económica, dándolle ás iniciativas empresariais a cobertura legal que precisan para que teñan a máxima seguridade xurídica. Esta normativa busca promover a máxima axilización administrativa, desenvolvendo unha xanela única de atención ao investidor; ampliar a máis supostos da posibilidade de declaración responsable ou comunicación previa; e a xeneralización do silencio administrativo para a implantación de iniciativas, salvo que se especifique a necesidade de emitir unha resolución expresa.

Subliñou o responsable de Economía, Empresa e Innovación que a unidade de acción foi o punto de partida do Plan de reactivación e dinamización de Galicia que a Xunta aprobou en xuño, e que permite a mobilización de fondos públicos e privados por valor de máis de 3.000 millóns de euros. Un plan que, tal e como remarcou, agora se espera amplificar coas achegas de todos os grupos da Cámara.

O vicepresidente económico lembrou que para o enfoque das principais medidas que este abrangue ata o de agora resultou moi importante a participación do tecido produtivo, a través do Comité de expertos, e a consulta aos axentes económicos e sociais, a través da Mesa do Diálogo Social. Isto, segundo fixo fincapé Conde, permitiu que Galicia conseguise dar unha resposta rápida e efectiva para minorar o impacto económico e social nos primeiros meses da pandemia, pensando especialmente nas pemes e autónomos.

Neste ámbito, Conde repasou as principais medidas activadas, en primeiro lugar, desde o punto de vista da liquidez, apoiando o mantemento da actividade do tecido empresarial, cunha liña que xa mobilizou preto de 130 millóns de euros en préstamos e microcréditos, ou co aprazamento das cotas do Igape e XesGalicia.

Tal e como lembrou o responsable de Economía, Empresa e Innovación, tamén se tomaron medidas para protexer o mercado laboral, conseguindo ser das primeiras comunidades autónomas que facilitou que 3.400 traballadores afectados por un Erte puidesen cobrar un anticipo da nómina cando o Goberno aínda non a tiña ingresada, e aprobando axudas para completar as prestacións de menor contía dos traballadores afectados por Ertes e para as persoas a partir de 55 anos que perderon o seu emprego.

En terceiro lugar, acompáñase aos sectores máis castigados pola paralización da actividade, conscientes de que o comercio, a hostalería, o turismo ou o sector do ocio están a sufrir esta crise máis intensamente. Neste ámbito, púxose en marcha unha liña de axudas para que o sector do comercio, o turismo e os servizos puidesen adaptar as súas instalacións aos protocolos de seguridade; un plan de dixitalización para as pemes e autónomos, con especial atención ao teletraballo; ou distintas iniciativas para incentivar o consumo no comercio. Ademais, activouse un programa específico para autónomos, o cheque autónomo, que se vén de ampliar agora cun plan de rescate dotado con 70 millóns de euros para manter a actividade económica de 50.000 autónomos.

Por outra banda, tamén se buscaron solucións que beneficiasen aos galegos e as galegas; para beneficiar as familias máis vulnerables que, ante esta situación, poden estar en risco de exclusión social. Galicia respondeu coa posta en marcha do Plan de recuperación social, dotado con 60 millóns de euros. Por iso, ampliouse a seis meses unha das súas principais medidas, a tarxeta básica, para que familias sen ingresos ou con ingresos moi baixos poidan facer a súa compra diaria.

Conde fixo ademais referencia á resposta rápida e efectiva á hora de autoabastecerse de medios de protección fronte á covid, para poder dispoñer dunha reserva estratéxica propia de material, ao mesmo tempo que se impulsa unha industria na que cada vez teña máis protagonismo a I+D+i. Fíxose destinando 12 millóns que xa están permitindo o desenvolvemento de 112 proxectos.

Transformación económica e socialO vicepresidente económico sinalou que, desde a cautela, ata hoxe Galicia dá signos de que resiste o impacto da pandemia mellor que a media estatal, apuntando que a economía galega está hoxe máis preparada que no 2008 para encarar o actual escenario de recuperación. Para lograr esta transformación económica e social, indicou Conde, a Galicia ábrenselle tres novas oportunidades a través dos fondos europeos, da súa aposta decidida pola transición ecolóxica e a través da futura Lei de reactivación.

No ámbito do Fondo Europeo de Reconstrución Next Generation, Conde recordou que Galicia está confeccionando unha candidatura na que xa está incluído un primeiro listado de 108 proxectos que mobilizarían un investimento público-privado superior aos 9.400 millóns de euros. Ademais, estase traballando noutras iniciativas da man de sectores como o biotecnolóxico, o forestal ou a automoción, e completarase coas iniciativas que xurdan a través da Comisión de Reactivación e do propio diáologo social. Son proxectos que dan forma ao Polo para a Transformación de Galicia, e que encaixan nos principios e nos obxectivos que propón Europa para lograr un crecemento sólido, sustentable e centrado nas persoas.

Neste ámbito, Conde volveu demandar uns criterios de reparto que garantan que o resultado final sexa o da recuperación simétrica de todas as comunidades autónomas e a aposta decidida pola industria a través da innovación, as novas tecnoloxías e o talento. Galicia, dixo, seguirá defendendo que a asignación de fondos dentro de cada Estado membro se realice por concorrencia competitiva, e que o mapa de axudas sexa coherente con aspectos estruturais como a demografía, a renda per cápita, o reto demográfico ou a transformación industrial.

Transición EcolóxicaXunto con esa oportunidade que poden supoñer os fondos europeos, Conde subliñou que a Xunta tamén aspira a desenvolver un novo Polo de Transición Ecolóxica, que permita universalizar as súas vantaxes e que incremente a competitividade das pemes galegas. O vicepresidente económico apelou a unha transición enerxética que compatibilice a proteción do medio ambiente coa actividade económica, que teña en conta a realidade da comarca da Mariña, necesitada desta reactivación industrial e de que Alcoa se sume ao sentir maioritario de manter activas as cubas; que teña en conta ás industrias instaladas no litoral, ou ás comarcas de Meirama e As Pontes, ademais da situación de Navantia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre