Inicio Galicia Conde avoga por aunar esforzos para fortalecer a economía galega

Conde avoga por aunar esforzos para fortalecer a economía galega

0

Insta a que Xunta, axentes económicos e sociais e tecido produtivo sigan traballando en común para afrontar o reto socioeconómico derivado desta pandemia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avogou hoxe por aunar esforzos para que a economía galega saia máis fortalecida da actual situación de crise. Nunha xuntanza coa directiva do Círculo de Empresarios de Galicia, Conde instou a seguir traballando en común —administracións, axentes económicos e sociais e tecido produtivo—, para afrontar o reto socioeconómico derivado desta pandemia.

Segundo dixo, este marco de concertación ao que a Xunta vai dar continuidade na Mesa do Diálogo Social e no Parlamento, a través da Comisión para a Reactivación Económica que comezará o vindeiro xoves, permitirá afrontar as dificultades do actual escenario desde a anticipación, pero tamén desde a esperanza. Nese sentido, lembrou que desde a anterior crise, administracións e tecido empresarial están facendo un gran esforzo por modernizar e internacionalizar a economía de Galicia. Un esforzo que foi clave para a recuperación, dixo, e que hoxe fai que as empresas galegas estean máis preparadas.

O vicepresidente económico afirmou que hai síntomas alentadores, por exemplo, nos datos de exportacións, posto que Galicia é unha das comunidades nas que máis están a crecer as vendas ao exterior. É grazas ao comportamento de sectores como o da automoción ou o agroalimentario, ou ás boas cifras de destinos europeos como Noruega, Suíza, República Checa ou Bélxica, onde as exportacións galegas están medrando por riba dos dous díxitos. De feito, en xullo foi a segunda autonomía na que se rexistrou un maior incremento, dun 4,3%, mentres que no conxunto do Estado baixaron un 7,5%.

Na mesma liña, apuntou que os datos do paro coñecidos hoxe apuntan que Galicia se está a recuperar a un maior ritmo que a media nacional. Ademais, foi a quinta comunidade onde máis rápido descendeu o número de traballadores acollidos a un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte). E a todo isto engadiu, tamén, os datos de caída do PIB, que amosan que Galicia está a resistir mellor que o conxunto de España, porque cae catro puntos menos (un 14,5% fronte a un 18,5%).

A partir destes indicios, dixo Conde, Galicia empezar a verse máis preparada para afrontar os desafíos que esta pandemia trae consigo e, para conseguilo, comprometeu todo o apoio da Xunta a través do Plan de reactivación económica e dunha política que defende a estabilidade e a confianza. Ao respecto, agradeceu ao Círculo de Empresarios de Galicia a súa implicación e as súas achegas a través do Comité de expertos económicos. “Ese é o camiño no que temos que traballar conxuntamente entre Administración, tecido produtivo e axentes económicos e sociais para identificar medidas que nos poidan permitir manter esta senda de recuperación do emprego e da recuperación económica”, concluíu.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre