Inicio Galicia Conde avanza que a Xunta traballa nunha nova licitación para a atención...

Conde avanza que a Xunta traballa nunha nova licitación para a atención cardiosvascular de peregrinos no Camiño de Santiago a través de avións non tripulados

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Vigo no I Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou hoxe en Vigo, na súa intervención no I Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial de Galicia, organizado polo Consorcio Aeronáutico Galego (CAG), que a Xunta traballa nunha nova licitación para a atención cardiovascular de peregrinos no Camiño de Santiago, a través de avións non tripulados.

Conde explicou que esta nova licitación se sumará ás 10 que xa están publicadas, camiño de ser adxudicadas, para o deseño de novos servizos que poidan prestar os drons para a mellora da xestión eficiente do territorio, a seguridade da flota pesqueira, a explotación do sector agrícola e pesqueiro, a prevención de incendios forestais, a vixilancia de bens culturais ou para levar cobertura de teléfono en áreas remotas.

Así mesmo, a futura aceleradora vinculada ao sector aeronáutico, que se porá en marcha en Lugo, servirá tamén para dar respostas tecnolóxicas á industria e aportar “un novo pilar ao sector, o do emprendemento”, asegurou o conselleiro. En palabras de Conde, Galicia debe estar orgullosa por esta aposta para ter presencia e protagonismo no sector a través tanto do tecido produtivo, como dos centros tecnolóxicos e de coñecemento.

Leer más:  Burela (Lugo) estará presente en 'El Grand Prix del Verano' 2024 junto con otras 13 localidades españolas

Así o polo tecnolóxico de Rozas en Lugo, xunto ao grao universitario en Enxeñaría aeroespacial en Ourense e á actividade do CINAE en Vigo, configúranse como un semilleiro de novas ideas, un núcleo de coñecemento e innovación para alimentar de novas solucións tecnolóxicas aos grandes fabricantes e a súa industria auxiliar. Indra e Babcock son os socios industriais da Xunta cos que se puxo en marcha o polo de Rozas, que, ademais, conta cunha rede de subcontratas que abarca unha vintena de empresas e centros tecnolóxicos galegos, 8 da área de Vigo, que traballan en proxectos con contratos por valor de 18 millóns de euros.

Conde referiuse ao plan estratéxico aprobado polo Estado que vaticina que o impacto económico desta actividade poderá alcanzar os 1220 millóns de euros en 2035, superando os 1500 millóns en 2050. Estímase, ademais, que se pasaría de 4200 avións non tripulados, que voan na actualidade, a máis de 50.000 neste horizonte de tempo. O Decreto, ademais, consolida todos os usos que se están desenvolvendo en Galicia nos diferentes proxectos de Rozas, que empregan a 196 persoas coa idea de superar as 440 en 2020.

Leer más:  La Xunta informa a los jóvenes que no hay dinero disponible para las ayudas de alquiler solicitadas en 2022

En Galicia, o sector, segundo os datos publicados polo Consorcio, empregou en 2017 a 1200 persoas, un 9% máis que no exercicio anterior, e está conformado por un tecido empresarial que traballa directamente para os cinco grandes fabricantes e provedores de primeiro nivel, cunha facturación que alcanzou os 127 millóns de euros. É preciso lembrar, ao respecto, que o xigante aeronáutico chino Comac, acaba de fichar a Delta Vigo para o seu primeiro avión comercial.

O titular de Economía tamén destacou a importancia da celebración do Congreso, unha das citas anuais deste sector, que reúne na cidade viguesa aos principais actores deste ámbito na Comunidade galega, onde se expoñen todos os puntos de vista neste eido: da Administración, os centros de coñecemento, como o Centro Galego de Innovación Aeroespacial (CINAE), e as empresas que neste momento están puxando forte por esta industria.

Conde finalizou destacando o especial protagonismo que o sector aeronáutico galego está tendo nos retos marcados a nivel internacional grazas ás capacidades instaladas coas que parte a Comunidade e que son a base para seguir crecendo. Neste sentido, sinalou que o máis importante é que todos os axentes implicados neste sector, ademais da Administración, traballen xuntos na definición dunha visión compartida de como afrontar os novos retos: “En Galicia a industria aeronáutica está viva, ten presente e vocación de futuro para avanzar en novas estratexias e retos nun sector que nos abre grandes oportunidades”, asegurou. 

Leer más:  El Ayuntamiento de Vigo ha otorgado la redacción del proyecto del túnel entre Elduayen y Torrecedeira por un valor de 288.000 euros

- Te recomendamos -