Inicio Galicia Conde asina en China un acordo coa Cámara de Comercio e Industria...

Conde asina en China un acordo coa Cámara de Comercio e Industria para reforzar as relacións comerciais entre Galicia e o país asiático

0

Destaca que é a primeira vez que a Cámara chinesa asina un acordo con España, o que demostra o interese recíproco de China e Galicia por dar novos pasos que consoliden as relacións bilaterais entre ambas as dúas economías


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde –que acompaña a 14 empresas galegas do sector agroalimentario na feira de importacións máis importante do mundo– reuniuse hoxe en Xangai co presidente da Cámara de Comercio para a Importación e Exportación de Maquinaria e Produtos Electrónicos de China, Zhang Yujing, con quen asinou un memorando de colaboración para afianzar as relacións comerciais entre Galicia e o país asiático.

Conde sinalou que este acordo demostra o interese recíproco tanto de Galicia como de China por dar novos pasos para consolidar as relacións bilaterais entre ambas as dúas economías. De feito, China foi en 2017 o primeiro destino en Asia das exportacións galegas e Galicia é a novena comunidade autónoma que máis exporta a este país, a onde xa o fan de forma regular máis de 140 empresas, un 30% máis que en 2016.

Segundo sinalou o conselleiro, Galicia convértese así na primeira comunidade autónoma en asinar un acordo destas características cunha das cámaras de comercio máis importantes do país que agrupa máis de 10.000 empresas. “Unha oportunidade -dixo- non só para que as nosas industrias poidan abrir os seus mercados senón para recibir novos investimentos cara a Galicia”.

O memorando recolle unha serie de compromisos que tanto a Xunta como a Cámara chinesa asumen para promover o aumento do comercio e o investimento entre a industria de maquinaria e electrónica dos dous países. Un sector que, de xaneiro a agosto, acada xa o 39,5% das exportacións galegas a China, cun aumento do 17,7% en relación ao pasado ano.

Un dos puntos máis importantes deste convenio é que, nos vindeiros tres anos de vixencia, ambas as dúas partes se comprometen a organizar unha misión comercial anual de empresas galegas a China e viceversa. Un grao de colaboración que permitirá intensificar a cooperación comercial bilateral e que se completará co intercambio de información comercial e servizos de consultaría mutuos, coa elaboración dun listado de provedores recomendados e cun calendario coas principais feiras comerciais internacionais que se celebran nos dous países.

Reunión con Bright FoodA sinatura deste memorando prodúcese no marco da misión comercial que a Xunta está a realizar en China acompañando a unha delegación de empresas galegas do sector agroalimentario que participan na Feira Internacional de Importación en colaboración coa multinacional Bright Food.

Nese sentido, no transcurso desta primeira xornada de estancia en Xangai, o conselleiro terá ocasión de reunirse, tamén, co equipo directivo desta compañía para agradecerlle a invitación a que Galicia estea presente nunha das feiras comerciais máis importantes a nivel internacional.

Conde salientou que o apoio de Bright Food, unha das grandes multinacionais líderes do país, é “a mellor plataforma” para que as empresas galegas do sector agroalimentario poidan abrirse paso no mercado chinés. E, ao mesmo tempo, considerou que a presenza de Galicia nesta feira contribúe a consolidar a alianza estratéxica entre Bright Food e Albo con Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre