Inicio Galicia Conde asegura que Galicia recuperarase antes e será máis competitiva na medida...

Conde asegura que Galicia recuperarase antes e será máis competitiva na medida en que sexa capaz de afondar nos acordos alcanzados cos axentes sociais e económicos

0

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, clausurou en Teo o 5º Congreso da Federación de Industria, Construción e Agro de Galicia UGT-FICA

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou hoxe, durante a clausura en Teo do 5º Congreso da Federación de Industria, Construción e Agro de Galicia UGT-FICA, que para que Galicia alcance a recuperación económica e social o máis axiña posible e para que a Comunidade sexa máis competitiva é necesario seguir afondando nos acordos consensuados cos principais axentes económicos e sociais galegos.

Conde afirmou que o espírito de diálogo e consenso mantense intacto e que seguir avanzando no diálogo social é a mellor opción para impulsar a competitividade empresarial e reforzar as políticas de emprego adaptándoas ao novo contexto económico e sanitario. Incidiu na importancia de dar respostas desde a unidade de acción.

Ademais, o vicepresidente económico, referiuse a que unha das prioridades compartidas polos axentes sociais e económicos e o Goberno galego é construír unha Galicia máis próspera cun maior emprego de calidade. Para lograr esa recuperación, Galicia conta cun Plan de reactivación económica con máis de 3000M€ de investimento público-privado para facer fronte aos retos da internacionalización, a dixitalización e a creación de emprego. Tal e como explicou, este plan é flexible e está aberto a novas oportunidades para reforzar o tecido empresarial.

Neste sentido, subliñou que Galicia leva meses preparándose para optar aos fondos de recuperación europeos e lembrou que conta con sete iniciativas xa maduras: catro proxectos tractores, como unha planta de hidróxeno verde, un centro para o impulso da economía circular e outro de fabricación de fibras téxtiles sostibles a partir de madeira, así como a instalación de nova potencia renovable (un total de 1000MW para autoabastecer os proxectos tractores); ademais doutras tres iniciativas transversais centradas en cadeas loxísticas sustentables para o transporte, un centro de innovación en tecnoloxías renovables e un laboratorio dixital para afondar en sistemas 4.0.

A Xunta, co apoio dos axentes sociais, o comité de expertos económicos, o tecido produtivo e os centros tecnolóxicos seguirá traballando no desenvolvemento de novos proxectos para abordar unha transformación na que se siga apostando polo capital humano. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre