Inicio Galicia Conde apunta á innovación como clave para que o cooperativismo agroalimentario reforce...

Conde apunta á innovación como clave para que o cooperativismo agroalimentario reforce a súa internacionalización

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou en Santiago na xornada de lanzamento do proxecto europeo Agrosmart Global, liderado por Agaca e que ten por obxectivo a expansión internacional intelixente

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na xornada de lanzamento do proxecto europeo Agrosmart Global que para que o sector agroalimentario galego siga medrando e consolidándose nos mercados exteriores é clave apostar por unha Galicia máis innovadora. Con este obxectivo, a Consellería dedica o próximo ano 210 millóns de euros a reforzar a innovación nas empresas galegas, sobre todo as pemes, co obxectivo de que o tecido industrial identifique a innovación non como un complemento produtivo, senón como unha oportunidade e unha necesidade.

Liderado pola Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), o proxecto Agrosmart Global está apoiado pola Unión Europea a través do programa Interreg Sudoe e cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Entre os seus obxectivos está consolidar un espazo de colaboración entre as cooperativas agroalimentarias que facilite o posicionamento, a promoción e a expansión internacional intelixente mediante estratexias de márketing dixital.

Tal e como sinalou Conde, esta iniciativa marca un fito dentro do sector, e demostra unha vez máis a importancia de buscar o crecemento na cooperación. Así, participan no proxecto Agrosmart Global 10 entidades de nove rexións de España, Francia e Portugal, chamadas a garantir un plan estratéxico para a internacionalización dixital das pemes agrarias. A iniciativa define as novas estratexias de actuación de cara aos dous maiores mercados do mundo (China e Estados Unidos).

Neste reto, Conde sinalou que as pemes terán sempre un aliado na Xunta, e así, apuntou que en 2020 se destinará un 31,5% máis que este ano, ata superar os 18 millóns de euros, a poñer o foco como o fai o proxecto Agrosmart Global na diversificación cara mercados cun potencial de crecemento elevado.

Na súa intervención, o conselleiro apuntou que o cooperativismo agrario é un auténtico piar do sector agroalimentario galego, subliñando que máis de 300 cooperativas agrarias fortalecen a cooperación en Galicia e achegan un valor engadido que permite diferenciarse nos distintos mercados, a través das diferentes denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. Conde sinalou que “mercar estes produtos significa mercar Galicia Calidade, e isto significa mercar futuro”.

Na súa intervención, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou o papel do cooperativismo para xerar oportunidades de crecemento, e apuntou que a Estratexia galega de Economía Social ten permitido que Galicia sexa socia do proxecto das Rexións de Economía Social Europea, coa que se están establecendo redes efectivas de colaboración para innovar a nivel rexional e local, e para promover o modelo do cooperativismo. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre