Inicio Galicia Conde aposta por unha Galicia máis verde que compatibilice a sustentabilidade ambiental...

Conde aposta por unha Galicia máis verde que compatibilice a sustentabilidade ambiental co desenvolvemento industrial

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, insiste no foro Industria 4.0: cara a unha industrialización inclusiva, sustentable e innovadora, na necesidade dunha transición enerxética xusta e equilibrada


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe durante a súa participación no foro Industria 4.0: cara a unha industrialización inclusiva, sustentable e innovadora, organizado pola Fundación Concordia y Libertad, a aposta da Xunta por unha Galicia máis innovadora, máis preparada e máis verde, que compatibilice a sustentabilidade ambiental co desenvolvemento industrial.

Conde, que fixo fincapé na necesidade de asumir unha transición enerxética xusta e razoable que non prexudique a industria, insistiu en que “é perfectamente compatible cumprir os obxectivos que se están marcando na Unión Europea desde o punto de vista de transición enerxética co apoio á industria electrointensiva, e a industria en xeral”. Neste sentido, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria apuntou que “a propia Comisión Europea lle ten trasladado ao Goberno de España que o que defende Europa é unha transición xusta e que non xere desemprego”.

Sinalou Conde que a Xunta é consciente de que hai que reinventar o tecido produtivo, ofrecendo medidas que respondan de maneira efectiva aos retos do futuro. No actual contexto económico global, o conselleiro destacou o esforzo que fai Galicia para xerar confianza, cuns orzamentos en tempo e forma, ou sendo a comunidade que antes paga aos seus provedores. A aposta por unha Galicia máis innovadora e polo tanto máis competitiva conta cunha partida de 210 millóns de euros o próximo ano.

Tal e como subliñou o conselleiro, a Administración autonómica tamén considera fundamental contar cunha Galicia máis preparada. Así, destínanse 260 millóns de euros en 2020 ao impulso da formación dos traballadores e o emprego. Neste eido, Conde apuntou que desde Galicia se seguirán desenvolvendo liñas que incentiven a formación e a inclusión dentro das empresas, é dicir, unha formación axustada ás necesidades do tecido industrial, e preparando os traballadores para a transformación dixital.

Francisco Conde sinalou así mesmo que o futuro da industria en Galicia pasa por conservar o liderado de sectores estratéxicos como o naval, o téxtil, e a automoción, ao tempo que se diversifica a industria en busca de novas oportunidades en eidos como o sector aeroespacial, a biotecnoloxía ou o sector das TIC. Ao mesmo tempo, lembrou que desde a Xunta se está traballando para contar cunha Galicia máis verde, cunha vintena de parques eólicos que entrarán en funcionamento antes de que remate este ano, cunha planta de biomasa de 50MW que se está construíndo en Curtis, ou cos máis de 8000 MW de enerxías renovables que se alcanzarán, a metade de eles procedentes da enerxía eólica.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre