Inicio Galicia Conde apela ao diálogo mostrado nos últimos 30 anos polo Consello Galego...

Conde apela ao diálogo mostrado nos últimos 30 anos polo Consello Galego de Relacións Laborais para converter en oportunidades os novos retos do emprego que vén

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago no aniversario do Consello Galego de Relacións Laborais no que se homenaxeou a tres dos grandes impulsores deste organismo: María Emilia Casas, Carlos Domenech de Aspe e Javier Gárate Castro

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago de Compostela no aniversario do Consello Galego de Relacións Laborais, onde puxo en valor o seu traballo de mediación nestes últimos 30 anos e onde apelou a continuar por esta vía do diálogo para converter en oportunidades os novos retos do emprego que vén.

O titular de Economía sinalou que os últimos 30 anos foron “moi frutíferos” para o avance do mercado laboral en Galicia, destacando que a estabilidade institucional e o crecemento económico de Galicia é “un logro colectivo” e proba de que as organizacións sindicais e empresariais séntanse, negocian e acordan. Neste senso, puxo en valor o traballo desempeñado por todos os presidentes do Consello e dos tres homenaxeados, tres dos grandes impulsores deste organismo: María Emilia Casas, Carlos Domenech de Aspe e Javier Gárate Castro.

Conde afirmou que o diálogo e o consenso son agora máis necesarios que nunca para proseguir no debate construtivo e dar resposta aos novos modelos de traballo, as políticas de emprego e relacións laborais baseados nos cambios tecnolóxicos, económicos e sociais. Así, apuntou como novos retos o emprego de futuro da man da dixitalización; a igualdade efectiva entre homes e mulleres; a creación dun emprego estable e de calidade; a inclusión das persoas máis vulnerables; e a flexibilidade e a conciliación.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria gabou o labor do Consello Galego de Relacións Laborais para promover o acordo e impulsar o diálogo social e a negociación colectiva, sempre adaptándose ás circunstancias de cada momento, agradecendo, ademais, o asesoramento ofrecido á Administración autonómica en materia laboral. Resaltou as máis de 1300 reunións de comisións negociadoras celebradas no seo deste organismo nos últimos 30 anos das que se beneficiaron 116.000 traballadores que formaban parte dos convenios colectivos negociados e asinados; os 988 ditames emitidos; e a sinatura do Primeiro Acordo Interprofesional de Galicia que deu lugar a 1357 procedementos de mediación e arbitraxe xestionados, dos que 885 foron resoltos con acordo en preto do 80% dos casos.

Así mesmo, Conde puxo en valor a celebración do Encontro galego de relacións laborais, que xa vai pola súa 17ª edición con máis de 1300 participantes e o desenvolvemento do Curso Superior de Relacións Laborais da USC que formou xa a máis de 1300 alumnos e alumnas. Tamén destacou as 130 reunións do Pleno e as 225 xuntanzas que leva celebrado a Comisión Permanente.

Para rematar, Conde indicou que o principal reto agora é seguir creando emprego e promover o diálogo institucional entre as organizacións sindicais e empresariais para continuar reducindo as cifras do desemprego.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre