Inicio Galicia Conde anima aos 180 proxectos galegos participantes nos coworkings da Xunta e...

Conde anima aos 180 proxectos galegos participantes nos coworkings da Xunta e a EOI a seguir adiante e contribuír á reactivación económica

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde na V edición do ‘Encontro Espazos Coworking’, celebrado de maneira telemática e organizado conxuntamente polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Escola de Organización Industrial (EOI)


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde na V edición do Encontro Espazos Coworking, celebrado de maneira telemática, e organizado pola Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e a Escola de Organización Industrial (EOI).

Durante a xornada, Conde salientou o papel fundamental dos emprendedores e dos autónomos como motor da economía galega. Neste sentido, animou aos 180 proxectos participantes nestes coworkings en Galicia a seguir adiante e contribuír á recuperación laboral e económica no novo horizonte debuxado pola covid-19. Un papel, asegurou o conselleiro, que debe estar vencellado a un modelo baseado na formación especializada e nas novas tecnoloxías, dispoñendo das ferramentas oportunas.

A este respecto, a Xunta ten a disposición dos novos empresarios programas de apoio que ofrecen liquidez (con préstamos de ata 200.000 euros nos que se bonifican os xuros), liñas para transformar comercios e establecementos acorde aos protocolos de seguridade, así como mecanismos para facilitar o reinicio da actividade.

O titular de Economía, Emprego e Industria subliñou o valor dos 180 proxectos que se están a desenvolver nos distintos espazos de coworking nesta edición que se adaptou a un formato virtual durante o estado de alarma. Conde concluíu a súa intervención destacando que, neste contexto, é importante aproveitar as oportunidades que ofrece a dixitalización, apostando por impulsar o teletraballo, as iniciativas empresarias no rural ou a internacionalización a través do comercio electrónico.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre