Inicio Galicia Conde anima ao Cetim a colaborar no desenvolvemento do Polo para a...

Conde anima ao Cetim a colaborar no desenvolvemento do Polo para a Transformación de Galicia co que a Xunta opta aos fondos europeos de recuperación

0

Subliña que a Xunta está aberta a escoitar todas as manifestacións de interese que proveñan do tecido empresarial e dos centros de coñecemento para materializar novos proxectos

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, convidou hoxe ao Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim) a colaborar no desenvolvemento do Polo para a Transformación de Galicia co que a Xunta opta aos fondos europeos para a recuperación. Segundo Conde, Xunta e Cetim coinciden en que a economía circular é un dos retos nos que toca afondar con máis forza para impulsar un crecemento económico sólido e sustentable.

Nunha visita ás instalacións deste centro tecnolóxico, que aspira a que o 90 por cento dos seus proxectos estean vinculados no futuro coa sustentabilidade ambiental, Conde salientou que saír desta crise implica facer unha aposta decidida pola dixitalización, a economía verde e a innovación e o talento. Nese sentido, subliñou que os centros tecnolóxicos e de coñecemento van ser unha peza fundamental e que a Xunta está aberta a escoitar todas as manifestacións de interese que proveñan do tecido produtivo para materializar novos proxectos neste eido.

Segundo precisou, a Oficina de Proxectos Tractores do Igape porá todo o soporte técnico e administrativo que sexa necesario para desenvolver cada nova proposta que contribúa a impulsar o Polo para a Transformación de Galicia. “É importante traballar na industria verde, na Galicia verde e, nese contexto, precisamos de centros tecnolóxicos como Cetim” pola súa capacidade para transferir proxectos ao mercado, dixo Conde.

Desde 2012 o total de apoios que a Xunta leva destinado ao Cetim suman 3,7 millóns de euros. Así, destacou que o camiño a seguir vai ser o da colaboración e o impulso á innovación aberta entre o tecido empresarial e os centros tecnolóxicos porque é o modo de conseguir unha industria máis competitiva e innovadora.

Ao respecto, lembrou que o Cetim participa no Hub de Innovación Dixital que lidera Ceaga, polo que solicitou esa mesma colaboración no Polo para a Transformación de Galicia porque a economía circular vai ser un dos principais exixes dos proxectos que o conforman. Segundo indicou, é necesario promover un cambio de modelo na xestión de residuos e no aproveitamento das materias primas porque iso xera beneficios para o medio ambiente pero tamén para a competitividade da industria e o emprego. Por iso, engadiu, un dos grandes proxectos tractores cos que Galicia quere optar aos fondos de recuperación europeos é a construción dun centro de tratamento de residuos para obter biogás e fertilizantes.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre